Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro celebra hoxe o Día das Bibliotecas cun taller de escritura creativa

Por 24 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro celebra hoxe, 24 de outubro, o Día das Bibliotecas poñendo en valor a riqueza dun espazo cultural referencia na vila para todos os veciños e veciñas, e recordando ademais unha actividade que se celebrará o próximo sábado.

“Estamos moi satisfeitas do funcionamento da nosa Biblioteca, sentímonos moi orgullosas deste espazo dentro do noso concello e cada ano temos máis usuarios e usuarias. Convertiuse nun lugar de referencia na nosa vila e nun espazo cultural inmenso no que temos moita cultura para consumir e para crecer como persoas. Convidamos a todos os veciños e veciñas a que acudan á Biblioteca tanto este luns, o Día das Bibliotecas, como o resto do ano”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

Dentro da ampla programación que ao largo do ano recolle a Biblioteca Municipal de Viveiro destaca o Taller de Escritura Creativa este próximo sábado, 29 de outubro. De carácter totalmente gratuito e dirixido á xuventude entre os 8 e os 18 anos, a actividade desenvolverase entre as 11:00 e as 12:30 horas.

“Queremos fomentar non só a escritura, senon dar ferramentas para os nenos e nenas que queiran aprender a escribir ou a expresarse mellor na escritura. Pode servirlles para moitos ámbitos da súa vida, xa sexa para escribir relatos, libros ou incluso para facer exames ou traballos nos centros educativos”, suliña Fernández-Noriega, que insiste en que dende o Concello de Viveiro se quere “fomentar así as diferentes áreas dentro da Biblioteca Pública Municipal”.

Os interesados en desfrutar deste Taller de Escritura Creativa poden apuntarse chamando ao número de teléfono da Biblioteca (982 57 06 06) para reservar a súa praza no horario de 08:30 a 15:00, e de 16:30 a 20:30 horas.