Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A socialista Patricia Otero esixiulle á Xunta que presente un Plan de reindustrialización

Por 6 Outubro, 2022Outubro 7th, 2022Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle á Xunta que presente un Plan de reindustrialización que pare co “goteo constante de peches” na comarca da Mariña luguesa. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Industria que facilite a tramitación de parques eólicos na Mariña que garantan un prezo competitivo para a enerxía en Alcoa.

Otero comezou citando ás empresas que veñen de pechar na comarca, como Industrias Pardiñas, o Grupo Mon, IPV, Conservas Alonso, Conservas Albo, Vestas, Ecar ou Muebles Hermida, sen que o goberno galego se dea por aludido e mude o seu abandono desta comarca. Lembrou que mesmo o peche de Alcoa, que leva “sobrevoando dende antes de 2018”, tan só foi atendido recentemente pola Xunta para utilizalo como argumento electoral.

A parlamentaria luguesa lembrou que a Xunta ten competencias exclusivas en política Industrial, e advertiu que “na miña comarca pechan industrias e a Xunta non desenvolve políticas dirixidas a atraer empresas novas”.

Xa que logo, dixo, o que fai o goberno galego é anunciar a chegada da planta de Altri, comprometéndose a levala á comarca “para despois traizoar aos veciños e levar a planta a Palas de Rei”, o que nin sequera está pechado porque, lembrou, “a empresa di que ata xuño de 2023 non vai decidir a localización final”. 

Advertiu de que “querían condicionar a planta aos fondos europeos para acusar ao goberno central, pero Pedro Sánchez garantiu o “compromiso claro e rotundo do goberno de España” co proxecto e que os fondos Next Generation “chegarían”. Esixiulle ao conselleiro que “explique por que non se leva adiante agora este proxecto”.