Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

8 asociacións e 30 anpas reciben unha axuda polos seus programas contra a violencia de xénero

Por 30 Outubro, 2022Sin comentarios

O oito agrupacións de mulleres e 30 Asociacións de Nais e Pais (Anpas) lucenses recibiron axudas que suman 108.300 euros en total para promover accións de fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero.

A primeira delas ten por obxecto contribuír á consolidación do movemento asociativo feminino e á promoción de actividades neste ámbito, ademais de previr a violencia de xénero e ofrecer atención ás vítimas desta lacra, en especial ás que residen no medio rural ou ás persoas maiores.

En Lugo resultan beneficiarias a Asociación de Mulleres Empresarias da provincia; E-Deidades para a Integración Laboral e Social da Muller; as agrupacións de viúvas Julia Minguillón (da capital lucense) e Carmina Prieto Rouco (Vilalba); as mulleres rurais Agarimo de Santaballa (Vilalba); os colectivos de axuda á integración social Contigo e de mulleres en igualdade Bumei -ambos de Burela – e Amuraxe, de Xermade.

En total reciben 21.500 euros deste programa, que contempla dúas liñas de axudas: unha delas para compensar gastos de funcionamento e a outra -financiada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero – para apoiar accións concretas en materia de igualdade.

Anpas

En canto á convocatoria dirixida ás Anpas, en Lugo resultan beneficiarias asociacións de pais e nais de centros educativos de 24 concellos de toda a provincia, ademais da federación provincial.

As achegas suman 86.800 euros e repártense entre nove agrupacións da Mariña, pertencentes aos municipios da Pontenova, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz e Xove; cinco da comarca de Lugo -situados en Guntín, Rábade e Castroverde -; catro da Zona Sur -Carballedo, O Courel, Pantón e Ribas de Sil -; catro da Montaña -A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Pedrafita do Cebreiro -; tres da Terra Chá e Meira -Guitiriz, Muras e Vilalba -; tres da comarca de Sarria -Paradela, Samos e Triacastela – e unha de Antas de Ulla.

Con estes fondos poden financiarse accións para formar a familias e alumnado en temas de igualdade, educación afectivo-sexual e violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos; a realización de actividades de concienciación contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; formación sobre o uso adecuado e crítico da internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (como stalking, sexting, grooming… ), entre outras accións nese eido.

Cada Anpa pode recibir un máximo de 3.000 euros para cada programa individual; e ata 6.000 euros no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas.