Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Pleno da Deputación pide á Xunta cambios en prevención de incendios e sanidade

Por 26 Outubro, 2022Sin comentarios

Reclamará un cambio total da súa política de prevención e loita contra os incendios e urxe un plan de choque en sanidade ante as carencias que sofre o 80% dos concellos da provincia.

A Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia un cambio total da súa política de prevención e loita contra os incendios forestais despois do “seu fracaso evidente”, tal e como, unha vez máis, quedou demostrado na vaga de lumes que sufriu a provincia, sobre todo O Courel, o pasado verán.

Así o acordou a Corporación provincial no Pleno ordinario celebrado este martes grazas a unha iniciativa do Partido Socialista, que foi apoiada polo BNG, mentres que o PP votou en contra.

O acordo inclúe solicitar a comparecencia do Conselleiro de Medio Rural no Parlamento para dar explicacións e asumir as súas responsabilidades ante a vaga de lumes do  verán; que a Xunta cumpra coa legalidade vixente recollida no Real Decreto 15/2002, artigo 48, punto 3, e aprobe e publique o PLADIGA antes do 31 de outubro do ano precedente ao da súa aplicación; que a Xunta mude o seu modelo de loita contra o lume para poñer o acento nas tarefas de prevención e limpeza do monte durante todo o ano, incrementando as partidas orzamentarias dedicadas á prevención; a implantación dun servizo único de loita contra o lume profesional, estable, formado, ben equipado e baixo o mando único da Xunta de Galicia, rematando coa situación de precariedade, temporalidade e descoordinación do actual modelo de brigadas municipais; e o impulso de políticas transversais, que fomenten os usos agrogandeiros, forestais, turísticos ou culturais imprescindibles para manter o monte vivo, limpo e ordenado.

“É o momento de asumir responsabilidades e cambiar o modelo”

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, sinalou que, pasado o verán, “temos que facer todo o posible para que os gravísimos incendios que vivimos na provincia non se volvan repetir”. Defendeu o Deputado que dende o grupo socialista “fomos e somos prudentes cos tempos”, pois desde a  Deputación, “cando correspondeu, puxemos a disposición dos operativos de extinción os medios cos que conta esta Administración”, pero agora “é o momento de facer unha análise a fondo das causas e consecuencias dos lumes”.

O Deputado lembrou que arderon 13.600 hectáreas no Courel e na Pobra de Brollón, o incendio máis grande da historia da comunidade autónoma, e máis de 44.000 hectáreas no conxunto de toda Galicia, 20.000 en espazos naturais protexidos.

Expuxo Fernández Rico que “necesitamos un pouco máis de autocrítica e bastante máis responsabilidade da Administración que ten as competencias, que é a Xunta de Galicia, porque esta situación é consecuencia directa das decisións que se levan tomado nas últimas décadas, agravadas pola emerxencia climática”, recalcando que a Xunta “fracasou” nas súas políticas do rural, de ordenación e xestión do territorio, e de prevención e extinción de incendios”.

Enumerou o Deputado algúns dos problemas do rural polos que, e como consecuencia do despoboamento, cada vez se producen incendios máis importantes, como a eliminación de servizos ou as carencias nas comunicacións. “A actividade no rural prevén os incendios sen coste ningún e para ter actividade hai que ter servizos. Arde pola falta de percepción política para entender o medio rural”. E sinalou que de seguir nesta dinámica, “dentro duns anos un incendio de 10.000 hectáreas vai ser dos máis pequenos”. Fernández Rico apuntou que as solucións pasan por “potenciar a actividade agraria, a actividade gandeira extensiva ou a transformación sostible vencellada ao territorio”.

“O fondo do problema é o modelo que queremos implantar, e o modelo que propoñemos os socialistas é o totalmente contraposto ao existente do Partido Popular. Defendemos servizos públicos nun rural con alternativas agrarias e gandeiras que fagan a prevención e conservación do medio”, expuxo o Deputado de Recursos Sostibles, quen denunciou tamén que “se practica electoralismo cos lumes, pénsase en votos e en afinidade política cando se potencia ou non unha comarca ou outra en canto a medios e persoal”.

Montes veciñais

No que respecta aos montes, a Deputación tamén acordou pedirlle á Xunta que teña en consideración a ILP presentada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e que recolle cuestións como a necesidade de recoñecer o monte veciñal como unha titularidade máis, en pé de igualdade coas públicas e privadas; a capacidade de decisión da veciñanza comuneira para poñer en valor as súas terras; ou a declaración dos montes veciñais en man común como figuras de protección ambiental e cultural en si mesmos.

A Deputación urxe á Xunta un plan de choque en sanidade ante as carencias que sofre o 80% dos concellos da provincia

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia á posta en marcha dun plan de choque que solucione os problemas na Atención Primaria que sofre o 80% dos concellos da provincia de Lugo.

Logo dun verán no que municipios como Abadín, A Pontenova, Pantón, Antas de Ulla, Ribadeo ou Barreiros só contaron cun só médico nos seus centros de saúde, a institución provincial esixe que se garantan os cadros de persoal completos cunha política de contratación que permita cubrir baixas por enfermidade ou vacacións, segundo unha moción presentada polo PSdeG no Pleno celebrado onte que foi aprobada co apoio do BNG. O PP votou en contra.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou unha maior implicación do Goberno autonómico coa sanidade pública, que arestora mantén pechados centros de saúde ou carece dos facultativos necesarios para atender as necesidades da veciñanza. Nese sentido, a iniciativa recolle que se deseñe un modelo de carreira profesional atractivo para evitar que queden prazas desertas tanto en Atención Primaria como en Pediatría.

Problemas na atención pediátrica

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, amosouse asombrada ante as declaracións do presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, cando dixo que a situación sanitaria en Galicia “era relativamente tranquila” cando “unha meirande parte dos municipios carece de atención pediátrica para os nenos e nenas da provincia”, dixo. Sinalou Porto os problemas de atención pediátrica que sofren os concellos de Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro.

Tamén se referiu ao preocupante que resulta que se pecharan centros de saúde en municipios coma Carballedo, Parga, Guitiriz, Castro de Rei ou Cervo; ou que haxa localidades coma Muras, Ourol, Navia de Suarna, As Nogais ou Ribas de Sil que só contan cun médico, “ou Negueira de Muñiz que nin ten médico asignado”, manifestou.

“E a pesar disto, temos que ver como a xerente do Sergas nos intenta convencer de que temos que asumir con normalidade esta situación, que debemos asumir que cando pedimos unha cita non nola confirmen para ese día ou que nos temos que afacer a que non haxa pediatra en cada centro de saúde”, indicou.

Axudas para ir aos vacunódromos

Urxiu a Deputada a que se formalice un compromiso formal para non volver a empregar o sistema de vacunódromos centralizados para persoas maiores, así como unha liña de axudas para compensar os gastos derivados dos desprazamentos que tiveron que  facer dende a súas localidades de orixe para recibir a vacina.

A voceira socialista amosou a sorpresa que xerou a decisión da Xunta de Galicia de derivar aos vacunódromos ás persoas de máis de 80 anos para recibir a segunda dose de reforzo fronte á Covid-19. Unha decisión, dixo, que xerou inquedanzas e molestias tanto nos propios pacientes, que non tiñan como desprazarse, como nas familias, que tiveron que asumir desprazamentos de ata 120 quilómetros para poder poñer a vacina. “O peor de todo foi que o Conselleiro de Sanidade aludiu á eficacia desta decisión e manifestou que foran as persoas maiores as que pediran ir aos vacunódromos centralizados”, afirmou. “A realidade é que a medida foi un fracaso, como demostrou que só se vacinaron a metade da poboación que tiña que facelo nesa franxa de idade e que a Xunta acabou ofrecéndolle aos maiores a posibilidade de vacinarse nos centros de saúde”, subliñou.

Así mesmo, apuntou que unha boa solución sería que se subministrase nos centros de saúde, a pesar de que o propio Sergas recoñeceu “que se debía á falta de persoal na Atención Primaria”. E nese sentido, deu o dato de que de Galicia é a segunda comunidade de España que conta con menos número de enfermeiros por paciente.

Minuto de silencio

Ao inicio do Pleno a Corporación provincial gardou un minuto de silencio polo falecemento do piloto de extinción de incendios Santiago Durán. O sevillano finou o pasado mércores ao impactar fatidicamente o seu avión en Pena Trevinca, logo de despegar dende o aeródromo de Doade (Sober) con dirección a Córdoba.

O PP logra unanimidade na Deputación para reclamar ás administracións a mellora das súas redes de estradas.

O grupo provincial do PP conseguiu na sesión plenaria o apoio dos outros grupos (PSOE e BNG) ás dúas mocións que defendeu, unha delas para que a institución provincial apoie a proposta da cidade de Lugo como sede da Agencia Estatal de Salud Pública, e outra para demandar das administracións titulares de estradas na provincia que acometan as melloras necesarias nas súas respectivas redes.

A sesión plenaria desta mañá puxo de manifesto unha vez máis a capacidade dos populares de presentar iniciativas que, polo seu interese para a provincia, merecen o respaldo dos outros grupos.

O PP, por outra parte, lamenta que o BNG non fora capaz de introducir a modificación que solicitou para apoiar a moción nacionalista para reclamar ao Goberno investimentos na mellora das infraestruturas ferroviarias na provincia.

Os populares confirmaron a súa disposición a apoiar as demandas ao Goberno para a mellora do ferrocarril en Lugo e solicitaron a retirada do segundo punto, que se refería á creación dun “tren galego de proximidade” e pedía que a Comunidade Autónoma  reclame a transferencia das competencias en materia ferroviaria. Unha vez máis, o posicionamento puramente ideolóxico do BNG fixo imposible o apoio dos populares a unha iniciativa en materia de infraestruturas con cuxo maior parte do contido concordaban, aínda que botaron en falta iniciativas para que Lugo non quede descolgada da alta velocidade.

O PP lamenta que o grupo socialista manteña unha posición cargada de demagoxia en relación coa sanidade pública na provincia. Unha e outra vez, pechan os ollos diante da realidade dos feitos, que demostran que é o Goberno central o que ten que crear as condicións necesarias para que haxa médicos de familia suficientes para cubrir o déficit neste nivel asistencial.

O BNG consegue o respaldo do Pleno provincial para a campaña Lugo Quere Tren, que demanda ao Estado a mellora dos servizos ferroviarios.

O BNG segue a poñer os servizos ferroviarios na axenda de prioridades de investimento en infraestruturas na provincia. A formación nacionalista, que nos últimos meses ben recollendo apoios para esa demanda na rúa coa campaña Lugo Quere Tren, logrou este martes o respaldo do Pleno provincial – votos a favor do PSOE e abstención do PP-a unha moción que recolle as principais demandas da provincia nesta materia.

A proposta esixe ao goberno do Estado a modernización completa e urxente da vía entre Lugo-A Coruña, a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes de 27 Km, a dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte, como no antigo FEVE e a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren coma servizo de proximidade fronte ao uso do vehículo particular.

Tamén insta á Xunta de Galiza a demandar a transferencia das competencias en materia ferroviaria para poder desenvolvermos un tren galego de proximidade e a iniciar os traballos e estudos necesarios para a súa planificación e posta en marcha.

O voceiro nacionalista Efrén Castro lamentou que “o Orzamento Xeral do Estado para 2023 deixe de lado a necesaria mellora das infraestruturas que necesita Galiza e que, un ano máis, Lugo siga á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril” e destacou que “a moción pide respaldo institucional para unha demanda que é un clamor”.

O BNG , que nos últimos meses recolleu máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo para pedir un compromiso real do goberno do Estado cos servizos ferroviarios en Lugo, ten convocada para o venres 28 de outubro unha manifestación en demanda dun ferrocarril digno para Lugo. A manifestación partirá ás 20.15 da Praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno.

A iniciativa do BNG, o Pleno provincial tamén aprobou -con votos a favor do PSOE e en contra do PP – unha proposta de goberno en apoio aos montes veciñais en man común que demanda á Xunta de Galiza recoñecer a propiedade veciñal como unha forma de propiedade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.

Nesa liña, recolle as demandas que formula a ILP presentada no Parlamento pola Organización Galega de Comunidades de Montes, encamiñadas a blindar a propiedade veciñal fronte a ameaza de privatización. Así, proponse considerar a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitaria, impedir todo tipo de expropiación dos montes veciñais, considerar como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se produzan nos mesmos ou proporciona capacidade de decisión da veciñanza comuneira para pór en valor as súas terras comunitarias.

A deputada nacionalista e responsábel de Medio Rural no goberno provincial, Mónica Freire, demandou “a protección e reforzo deste modelo de propiedade , referente de traballo comunitario” e sinalou a importancia “desta figura, na que se encadra unha cuarta parte da superficie galega, no desenvolvemento de políticas de xestión forestal e de prevención dos lumes”.