Skip to main content
A FonsagradaNavia de SuarnaNegueira de Muñiz

Publicada no DOUE a solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia

Por 22 Outubro, 2022Sin comentarios

Esta semana saía publicada no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) a solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia. A partir de agora, ábrese un período de oposición de dous meses a nivel da Unión Europea e, se non hai ningunha alegación, este selo quedará rexistrado de forma definitiva.

A IXP Terras do Navia , que foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada (Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña), noutras seis de Navia de Suarna  (A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira-) e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio.

Nesa liña os viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.

Os viñedos deberán estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente. O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 quilogramos de uva e as producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas, e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

Canto ás propiedades dos viños, distínguense por ser frescos e suaves en boca, limpos, brillantes, con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Mentres, os tintos posúen unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

En relación coa zona de produción, presenta un clima que se pode clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 21 graos, mentres o máis frío é xaneiro, cun valor medio de 7,5 graos. Dentro desa zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acebo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.