Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Organizar os eventos e actuar é o que máis satisfaccións achega”

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

Falamos con Eduardo Risco presidente da asociación lucense Cántigas e Frores sobre a súa traxectoria e a presencia dentro das festas do San Froilán que vai dende este concerto inicial a pasarrúas por diferentes zonas da cidade.

Cantigas e frores é unha agrupación que nace no 1948, cal é o segredo para tanto anos de éxito?

Penso que é estar centrados dende sempre nun aspecto moi concreto da cultura, que é a cultura tradicional galega na que se ten situado dende a súa creación. Dende entón ten adquirido un amplo coñecemento e, pensando nos membros que levamos os derradeiros 20 anos traballando nela, penso que é por seguir esa liña tradicional moi de preto, sen perder esa perspectiva en todos os traballos novos que imos facendo. Pode que tamén inflúa o feito de que, aínda que existe unha dirección artística clara, exista tamén autonomía abondo para os criterios dos responsables das diferentes escolas e grupos da asociación para impartir as clases, elixir os repertorios ou preparar as actuacións.

Que actividades se poden atopar na asociación?

As máis coñecidas son as escolas de música e baile tradicionais, nas que este ano impártense clases de baile, gaita, canto, percusión tradicionais, acordeón e zanfona. Algunhas contan con grupos de diferentes niveis dende iniciación ou perfeccionamento e con grupos de varias idades dende infantil, xuvenil e adultos. Cada ano acollemos entre 200 e 250 alumnos en total.

A estes cursos sumamos un curso de Cultura Tradicional que se realiza durante a Semana Santa e que se ven celebrando dende o ano 1982. Sempre mantendo unha estrutura dinámica que se adapta ás demandas do alumnado asistente e ás tendencias do momento no relativo ao ensino dos diferentes aspectos relacionados coa cultura tradicional. Cada ano recibimos uns 120 alumnos para este curso de Cultura Tradicional.  

Tamén organizamos dende 2018, coincidindo co seu 70º aniversario, a Feira do 48. Esta feira ten carácter anual e reúne nun só espazo a músicos, artesáns, bailadores e mestres co obxecto de dinamizar a participación de todo o tecido asociativo da provincia de Lugo vencellado á música e baile tradicionais.

Cales son os obxectivos de Cántigas e Frores?

Manter isto funcionando é o fundamental. Quero dicir, manter os obxectivos fundacionais da asociación, como veñen sendo o estudo, fomento e divulgación da cultura tradicional galega, que é o que vimos facendo coa recollida de material, co mantemento das escolas, as actuacións ou a edición de publicacións, ou mesmo co asesoramento a entidades públicas e privadas de ámbito local. Tamén no relativo á música e ao baile tradicionais, a organización dos cursos específicos e seminarios, os encontros de música e baile tradicional, como a Feira do 48, as exposicións de artesanía e fotografía, como a que se fixo na conmemoración do 70º aniversario, viaxes e visitas formativas e de lecer.

Que momento recorda con mais agarimos despois de todos estes anos?

Hai moitos pero en xeral cando nas actuacións fóra de Galicia achéganse emigrantes a falar con nós e cóntannos o que supón para eles atopar un anaco da súa música ou da súa fala (que ven a ser un anaco da súa casa ou a dos seus pais) alí onde están a vivir, lonxe dela. 

Tamén lembro con moito agarimo cando nos teñen agasallado con recoñecementos por parte doutras asociacións, como o Prado Lameiro da Coral de Ruada, Milagrosistas do Ano, Lucenses do Ano, … e moitos máis. E gardo un especial recordo do derradeiro paso polo Festival Intercéltico de L’Orient que foi unha oportunidade para coñecer a compañeiros doutras nacións cunha tradición semellante.

Hai canteira para o futuro da asociación? Está a xuventude interesada na cultura tradicional galega?

Hai canteira, e o número de alumnos mantense nun límite, que é o que podemos manexar dentro da Asociación. É unha mágoa que semella que baixa o interese pola cultura tradicional nos máis novos, pese aos esforzos que se están a facer. É moi forte a presión doutras músicas simples e modas foráneas, que son cotiás nos medios e nas redes.

Cal cree que é a situación actual da cultura galega? 

Penso que é moi boa en canto á calidade e número de creadores e intérpretes. Sempre se pode mellorar, claro. Tamén hai festivais e locais onde actuar consolidados, pero moi dependentes das iniciativas privadas ou de asociacións. As axudas públicas, aínda que existen, e nalgúns casos puntuais son bastante correctas, non son  suficientes, xa que estamos a falar de patrimonio inmaterial,  de difícil avaliación e que non produce réditos visibles a curto prazo. Penso que á cultura tradicional pásalle algo semellante ao da viticultura na Ribeira Sacra, que ten un certo arrecendo a heroica…

Onde vos podemos atopar este San Froilán?

Andaremos por varios sitios, o martes 4 de outubro teremos a honra de abrir as festas de San Froilán acompañando a  Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e a Margarida Mariño, na praza Santa María ás 21.00 pero tamén estaremos o sábado 8 de outubro, a partires das 17.30 na Praza de Santa María organizando o XX Festival de Cultura Tradicional do San Froilán, e contaremos co grupo Trébede. O mércores 12 de outubro, ás 18.30, no patio do Antigo Seminario Menor organizamos o I Festival de Cultura Tradicional do San Froilán Miúdo onde contaremos coa A.C. Donaire, de A Coruña. Ademais, faremos varios pasarrúas por diferentes rúas e prazas da cidade os días 4, 5, 7, 10 e 11.

Que é o que mais desfrutades do San Froilán?

Penso que organizar os eventos e actuar é o que máis satisfaccións achega, pero quizais o sexa a festa en si. Especialmente, polo menos para min, o domingo das mozas, que é o día que se fai a homenaxe a Rosalía (de Castro, por suposto) e que se centra no traxe tradicional así como, en xeral, na lembranza da época en que os “festeiros” achegábanse doutras vilas e aldeas a facer as súas compras e os seus tratos. Na actualidade, veñen grupos de música de fóra enchendo a cidade de música tradicional.