Skip to main content
Lugo

O Goberno do Corgo rexeita a rebaixa de impostos proposta polo PSOE

Por 3 Outubro, 2022Sin comentarios

O Voceiro do PSdeG-PSOE do Corgo, Francisco Otero Besteiro defendeu dúas iniciativas na última sesión plenaria, para demándalle ao Goberno do PP unha rebaixa de impostos “dirixida directamente a beneficiar aos nosos veciños nesta situación excepcional”.

Concretamente reclama unha rebaixa do 50% nos impostos de titularidade municipais como o imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), a recollida de lixo, o de Actividades económicas (IAE), e tamén unha rebaixa nas novas acometidas das traídas de auga municipais.

Otero Besteiro remarcou que con estas propostas, “queremos contribuír a mellorar e economía dos fogares máis necesitados do Corgo”. “Mentres o PP protagoniza un circo de poxa a baixa para presumir da maior rebaixa de impostos as clases máis ricas e as grandes fortunas de Galicia, nos queremos que estas rebaixas repercutan directamente en que máis o necesita, como é a clase traballadora do noso pobo”, replicou. 

“Lamentablemente esta iniciativa foi rexeitada polo Goberno do Corgo, dándolle ás costas á veciñanza. Estamos vivindo un momento económico moi complicado, e defendemos propostas para que as persoas que vivimos no rural poidamos ter unha vida digna. Incluso deixamos a porta aberta para acadar acordos encamiñados a favorecer aos mais desprotexidos, pero só atopamos as escusas dun goberno que non ten ningún proxecto de futuro para o noso concello”, dixo Otero Besteiro.

Ademais, dende o PSdeG defenderon outra propoña, que foi rexeitada polo PP coa abstención de Ciudadanos, “coa que solicitamos unha liña de subvencións do 80% para aqueles fogares, explotacións ou negocios que o propio concello non sexa capaz de achegar a traída municipal, e que se lle compense coa exención ou bonificación do 100% no imposto da recollida de lixo.

E unha subvención do 100% para a busca de manancial e construción dun alxibe repartidor parroquiais ou comunitarios para aquelas zonas as que o propio Concello non sexa capaz de achegar a traída municipal”. 

“Con estas propostas queremos denunciar a inxustiza que sofren os veciños que levan esperando décadas por servizos básicos que nunca chegan, nin se lles espera. O Grupo Socialista do Corgo non pode tolerar que veciños estean costeando do seu propio peto pozos, perforacións, busca de mananciais para poder garantir auga nos seu fogares, nos súas explotacións, nos seus negocios, mentres o Concello mira cara outro lado, ou simplemente non mira”.

Sinala ademais que o subministro de auga nos fogares é un ben básico e esencial que esta tipificado nos artigos 18 e 25 da Lei de Réxime de Bases Local, “polo que os veciños teñen dereito ao subministro de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais”. “Para nós é unha gran inxustiza comprobar como veciños teñen que pagar do seu peto, entre 1800 e ata os 4000 euros para ter auga nos seus domicilios”, advertiu. 

“Si un veciño ou veciña do Corgo ten dereito a auga no seu domicilio tal e como marca a exislación e paga os seus recibos como calquera cidadán desta provincia, tamén ten que recibir un servicio que se corresponde a esa prestación municipal. O que non pode facer o Concello é cobrar, e por riba a veciñanza teña que incrementar os custes con captacións privadas e custeadas do seu propio peto”, insistiu o voceiro. 

“O Goberno do PP Corgo, incluídos os seus “achegados” políticos, non están apoiando ás familias do noso Concello. Están gobernando a nosa vila con medias verdades políticas, e cun abandono total das demandas da nosa vila. Queremos un goberno solvente, serio e responsable e non titeres de partidos que non saben nin queren gobernar”, dixo Otero Besteiro.