Skip to main content
Lugo

O Caudal Fest xa ten os primeiros artistas para o próximo ano

Por 3 Outubro, 2022Outubro 7th, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá un avance do Caudal Fest do 2023 e realizou unha valoración da cuarta edición do Caudal Fest, que unha vez máis conseguiu un destacado éxito de público, xa que recibiu 30.000 asistentes entre as dúas xornadas de festival.

“O impacto económico que tivo o evento na cidade foi de 4,5 millóns de euros, xerando ao redor de 300 postos de traballo directos e preto de 1.800 indirectos”, explicou, o que “ven a fortalecelo como a terceira gran cita da cidade xunto ao San Froilán e o Arde Lvcvs, que foi o meu obxectivo desde que apostamos por este evento en 2018, pero que tamén o sitúa como un dos festivais de música independente máis importantes do terzo norte peninsular”.

“En canto á procedencia dos asistentes, cómpre destacar que un 40% chegaron de fóra de Lugo, un 30% do resto de Galicia e un 10% do resto de España, mentres que o 60% restante de público que gozou da cita musical foron veciños e veciñas do noso municipio e da súa provincia”. Neste senso, segundo sinalaba a rexedora “o Caudal Fest a día de hoxe é unha alternativa máis para vir á nosa cidade, dando resposta a unha demanda músico-cultural que os lucenses viñan manifestando desde hai tempo”.

“Unha cita que, sen dúbida algunha, contribúe a dinamizar a economía no municipio e nas súas inmediacións, colgándose o cartel de completo nos hoteis da cidade e, polo tanto, repercutindo moi positivamente tamén en localidades colindantes”, explicou Méndez.

Así mesmo, a alcaldesa destacou a calidade dos artistas participantes, “despois da boa acollida das edicións anteriores decidimos ser máis ambiciosos no cartel deste ano e resultou un éxito”. Segundo engadía Fernando Gómez, director de contratación de artistas da organización, “é moi importante diferenciarnos do resto das propostas que se ofrecen no verán, así como das actividades turísticas e culturais doutras cidades e nesta nova edición conseguímolo”.

Para os amantes da boa música, o Caudal Fest – que en 2023 que se celebrará o 15 e 16 de setembro – presenta xa un avance do seu cartel, as primeiras confirmacións de bandas da quinta edición da #Últimagranfestadoverán, que contará con artistas da talla de Vetusta Morla, Sidonie, La La Love You, Ojete Calor e Berto.

Vetusta Morla, é unha banda española de indie rock orixinaria de Tres Cantos, Madrid, que canta en español. A seguinte confirmación é Sidonie, un grupo español de indie rock e rock psicodélico orixinario de Barcelona fundado en 1997. Os seus compoñentes son Marc Ros (1974, cantante, guitarra e baixo), Jesús Senra (1972, segundas voces, baixo, sitar, guitarras eléctrica e acústica) e Axel Pi (1974, batería, táboas e bongos).

La La Love You é unha banda española cuxa sede esta en Parla, aínda que ensaian na cidade de Alcorcón, de estilo Punki-Pop. E, por último, Ojete Calor é unha formación musical formada por Carlos Areces e Aníbal Gómez que se define como “subno-pop”, etiqueta coa que lles gusta definirse aos seus compoñentes. As súas letras fan referencia ás “especies autóctonas” que vagan polos festivais de música, barrios modernos das capitais españolas, e individuos que adoptan o cotián como extraordinario.

Finalmente, Berto é unha revelación da música en galego tralo grande éxito acadado co seu proxecto Verto xunto co seu compañeiro Fernando Peleteiro “Fer”. Agora presenta o seu primeiro disco en solitario visibilizando temas de actualidade como a saúde mental, sendo un dos estandartes da música urbana e con temas de bachata ou techno-rumba.