Skip to main content
Lugo

Tomé clausura a IV Xornada Iuslaboralista no Pazo de San Marcos

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou a IV Xornada Iuslaboralista que abordou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a reforma laboral impulsada polo Goberno do Estado coa presenza de expertos de primeiro nivel e coa participación dun cento de persoas, de maneira presencial e vía on line.

O mandatario provincial felicitou pola organización do encontro ao Colexio de Graduados Sociais de Lugo e ao seu presidente, Manuel Núñez, destacando que a Deputación e o órgano colexial manteñen “unha liña de colaboración fluída e útil para a sociedade. Facémolo no terreo
dos estudos e a análise, como é o caso destas xornadas, pero tamén a través de iniciativas conxuntas que permiten prestar asesoría sociolaboral de maneira gratuíta ás persoas que máis o necesitan”.

“Contar coa participación de nomes como María Emilia Casas, Jesús Martínez Girón, Alberto Arufe ou Juan José Fernández é un motivo de orgullo para esta Deputación”, asegurou o Presidente.

José Tomé destacou a importancia e a necesidade de xornadas de análise coma estas porque “é a única maneira de poder contar con elementos de análise para forxar unha opinión propia, entender que se fai e por que se fai, medir o alcance do camiño percorrido e comezar a traballar para deseñar novos avances”. O Presidente subliñou neste sentido que para un Goberno progresista, como o central ou da propia Deputación de Lugo, “a mellora constante das condicións do mercado laboral, a loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, ou a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres son algúns dos obxectivos irrenunciables”. De aí, afirmou, a reforma laboral, que fai fronte “ao nivel de temporalidade co que se distinguiu España durante moito tempo, sen parangón nos países da nosa contorna, e ao abuso de figuras como o contrato por obra para situacións nas que non era axeitado”, entre outras moitas cuestións.