Skip to main content
Lugo

A Ministra de Sanidade destaca o proxecto Lugo con corazón na súa visita a cidade

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta mañá na casa do Concello a Carolina Darias, Ministra de Sanidade, na súa primeira visita oficial a cidade convida pola alcaldesa, que quixo facer coincidir coas Festas de San Froilán e na que tivo ocasión de coñecer de primeira o proxecto Lugo con Corazón, co que o Concello dotou a todas as instalacións municipais e aos espazos públicos nos barrios de desfibriladores para salvar vidas.

A Ministra deixou patente no Libro de Ouro a súa felicitación pola aposta deste proxecto, xa que conseguiu que Lugo triplicase a ratio media de desfibriladores por habitante de todo o país: “Con motivo da miña visita ao Concello do Lugo como Ministra de Sanidade do Goberno de España, quero recoñecer á súa Alcaldesa e toda a Corporación o seu traballo e compromiso por facer desta cidade de Lugo unha cidade vector da saúde, ao ser a cidade máis protexida da rede de saúde cardiosaudable”.

Carolina Darias declarou que “para o Ministerio é moi importante poder traballar en capacidades preventivas e nesta cidade estase a facer, tamén con campañas de formación e concienciación no uso dos dispositivos”, e insistiu que “a saúde se constrúe nas cidades, e Lugo é un bo exemplo do compromiso da súa rexedora neste ámbito”.

Tras manter un encontro privado, rexedora e ministra pasearon polas rúas de Lugo, acompañadas tamén polo Alcalde de Ferrol, Angel Mato, e o Delegado do Goberno, José Miñones. Carolina Dairas parouse con numerosas persoas que quixeron falar con ela nunhas rúas ateigadas de xente con motivo das festas patronais, permitíndolle coñecer de preto as distintas exposicións como a Feira de Olería e a XXIX Feira da Miel, ubicada na Praza da Soedade e na que participan 24 productores apícolas da provincia de Lugo.

A rexedora tamén a levou á Praza de Abastos para que coñecese os produtos de quilómetro cero que se venden neste mercado, onde a Ministra intercambiou impresións cos praceros e tamén aproveitou para comprar queixos do país, que se levou a Madrid. Como recordo da estancia, a Alcaldesa entregou a Darias un libro sobre a Muralla de Lugo e un pin de plata da Mosqueira.