Skip to main content
Lugo

O Concello proxecta rexenerar 80 novos inmobles no casco histórico

Por 12 Outubro, 2022Outubro 13th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de aprobar a súa participación no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea – Next Generatión EU para a que sería a fase XVII do Centro Histórico.

Nesta convocatoria, que como até o de agora se xestionará dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo, o Executivo local aspira a recibir financiamento para rexenerar un total de 80 vivendas a razón de 35 en 2023, 26 en 2024 e 19 en 2025.

A colaboración suporá un desembolso total de 2.588.502 euros, correspondéndolle 1.521.222 ao Ministerio, 225.072 ao Concello e 842.207 aos promotores privados.

Este ámbito, no que se concentran un total de 848 edificios dos que só 83 non teñen uso residencial (menos dun 10%), foi declarado a semana pasada Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP).

Un cambio de denominación (anteriormente ARI) que resultaba de obrigado cumprimento para concorrer ás devanditas axudas e para o que os técnicos da Empresa Municipal de Vivenda e Solo tomaron como base a documentación xa existente por coincidir coa zona delimitada polo PEPRI.

Dende o seu orixe, estas axudas levan contribuído a impulsar a reforma de 636 vivendas (354 nas seis primeiras fases e 282 máis ata a 14 edición), 15 máis atópanse aínda en tramitación e EVISLUSA agarda poder xestionar outras 30 adicionais dentro da fase XVI para desenvolver de seguido.

A alcaldesa, que manifestou o compromiso permanente e absoluto do Goberno municipal por continuar avanzando na humanización e dinamización de todos e cada un dos barrios da capital, incidiu en que no caso do recinto amurallado, “esta obedece a unha recuperación urbanística pero tamén comercial, a través dos viveiros municipais que impulsamos na Tinería, e coa que, así mesmo, estamos a corrixir a degradación social que lle afectaba”.

“Un esforzo que facemos sen ter competencias en materia de vivenda e lamentando tamén a falta de interese e de iniciativa por parte do ente autonómico que, dende hai moito tempo, mantén adiadas as súas responsabilidades para seguir creando vivenda pública na capital a pesar da demanda e das necesidades existentes”, sostivo Méndez, ao tempo que convidou á Xunta de Galicia a impulsar novos programas ou retomar o Rexurbe ao abeiro das subvencións europeas, “sumando recursos e traballando verdadeiramente por Lugo”.