Skip to main content
Lugo

O Vello Cárcere acolle unha exposición de Fuxan os Ventos polo seu 50 aniversario

Por 14 Outubro, 2022Sin comentarios

O próximo 22 de outubro o grupo de música galego Fuxan os Ventos inaugura unha mostra para conmemorar o seu 50 aniversario. Co título Fuxan os vento, 50 anos de historia a inaugurase terá lugar ás 12.00 no Vello Cárcere ás 12.00 onde o grupo aproveitará esta presentación para agasallar ao público cantando algúns dos seus temas. Ás 19.00 haberá un segundo acto inaugural, para calquera dos dous e preciso a reserva de entrada ata completar aforo a través do número de teléfono  982 297 195 e antes do 20 de outubro.

Esta exposición nace da necesidade de celebrar os 50 anos de historia do grupo lugués Fuxan os Ventos e tamén da necesidade de por en valor o seu percorrido musical. O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros do grupo, a comisaria Sabela Fraga, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz. Esta mostra está pensada para inaugurar no espazo do Vello Cárcere na mesma data na que o grupo fixo a súa primeira actuación cincuenta anos antes.

Fuxan os ventos ofreceu o seu primeiro concerto o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Medio século despois a mostra pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos
que conforman o seu arquivo persoal. Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales poderemos mergullarnos na cronoloxía e no universo creativo do grupo, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país.

Paralelamente elaborarase un catálogo da exposición, que editará o Consello da Cultura Galega e que se presentará, tamén en Lugo, coincidindo co peche da exposición. Neste, ademais dalgún traballo de análise e investigación, farase un percorrido polos elementos máis significativos da exposición.

A mostra que se presenta o sábado está coorganizada pola Xunta de Galicia e a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e conta ademais coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Promove a súa itinerancia a Rede Museística Provincial, que depende da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere desde o 22 de outubro ao 22 de xaneiro de 2023. Polas mañás en horario de 11.00 a 14.00 e polas tardes dende as 17.00 ata as 20.30 de domingo a mércores e entre as 17.00 e as 22.30 de xoves a sábado.