Skip to main content
Lugo

Elena Candia reúnese con representantes da Asociacións da Praza das Illas e de Fontiñas Norte

Por 17 Outubro, 2022Sin comentarios

A candidata á alcaldía do PP de Lugo mantivo nas últimas horas senllas reunións con representantes das Asociacións da Praza das Illas e de Fontiñas Norte para explicarlles as novidades con respecto aos últimos compromisos adquiridos pola Xunta con respecto a Rolda Leste.

A popular compartiu coa veciñanza destes barrios a necesidade de axilizar a construción da Rolda Leste xa que “se trata dunha dotación que restará tráfico das rúas da cidade, mellorará a mobilidade en xeral e especialmente a accesibilidade ao Hospital Lucus Augusti”.

Elena Candia manifestou que “son unha boa nova os compromisos plurianuais que recollerán os Orzamentos da Xunta de 2023”, tal e como avanzou onte o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, no marco da Comisión 2ª do Parlamento, xa que confirman “o impulso que a Xunta lle vai dar a esta infraestrutura”.

A popular destacou o anuncio que fixo o director da Axencia Galega de Infraestruturas confirmando que “antes de rematar este ano se vai someter a información pública o proxecto” o que supón “un paso en firme para mellorar e avanzar na execución desta obra clave para Lugo”.

O cronograma da Xunta é iniciar o expediente expropiatorio a mediados do vindeiro ano para que en outono se convoquen os levantamentos de actas previas e de ocupación dos terreos necesarios mentres se traballa no proxecto de construción para, seguidamente, proceder á licitación das obras.

No transcurso de ambas as xuntanzas entre Elena Candia e as directivas da Asociación das Illas e de Fontiñas Norte a popular tamén se puxo á súa disposición brindándolles a posibilidade de amosarlles os detalles do proxecto da Rolda Leste cunha sesión informativa
traéndolles aos técnicos “para que lles expliquen, en primeira persoa, como vai quedar esta nova infraestrutura”.