Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo e o deputado Nestor Rego encabezan a manifestación Lugo quere tren!

Por 29 Outubro, 2022Outubro 30th, 2022Sin comentarios

Centos de persoas participaron da manifestación convocada polo BNG baixo o lema Lugo quere tren!, para reclamar uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. A mobilización estivo encabezada polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que interviron ao remate reclamando maiores investimentos para os servizos ferroviarios de Lugo.

Rubén Arroxo lamentou que de cara aos orzamentos do estado de 2023, “a veciñanza de Lugo quede esquecida unha vez máis, converténdose na única cidade galega que queda fóra dunha rede ferroviaria moderna”, explicou o Rubén Arroxo, que lembrou que o BNG recolleu durante o 2022 “máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo reclamando ao goberno do estado un compromiso real con Lugo”. Arroxo lembrou que o BNG entregou estas sinaturas no Ministerio de Transportes en Madrid.

Néstor Rego afirmou que “Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.

O deputado do BNG afirmou que “a chegada do AVE á Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

“Non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas e, no caso de Lugo, mantense unha liña (Lugo – A Coruña), sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais”, criticou o deputado nacionalista.

O BNG reclama, como primeiros pasos de cara a que Lugo conte cun tren digno, a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos. Na actualidade, Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se podería resolver cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes, o que crearía un traxecto directo entre Lugo e Compostela.