Skip to main content
Navia de SuarnaRibas de Sil

A Deputación avanza para abrir as residencias de Navia de Suarna e Ribas de Sil

Por 7 Outubro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres importantes avances para “cumprir co compromiso de abrir os centros de atención a maiores de Navia de Suarna e Ribas de Sil este ano”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Por unha banda, quedou aprobada a adxudicación dos contratos de prestacións básicas da residencia de Navia de Suarna, por un importe de 730.000€, e da de Ribas de Sil, por case 610.000€. En ámbolos dous casos, a empresa adxudicataria é Troncoso Casares S.L. Estes contratos inclúen os servizos de cociña, limpeza e asistencia para os centros. Estarán en vigor durante un ano dende a súa firma, con posibilidade de realizar prórrogas ano a ano ata o 2026.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á adxudicación dos dous últimos lotes que restaban do contrato para dotar de equipamento ao Centro de Maiores de Ribas de Sil. A empresa Mariña Clima S.L. encargarase do subministro do equipamento de lavandaría e
cociña, cun orzamento de preto de 136.000€, e a empresa Total Ekip S.L. subministrará o equipamento médico e axudas técnicas, por máis de 35.500€. Con estes lotes, o total do investimento para equipar a residencia de Ribas de Sil supera os 340.000€. “Estes pasos tan importantes que damos hoxe permitirannos cumprir coas previsións e abrir, xa no mes de novembro, o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, e antes de finalizar o ano, a residencia de Ribas de Sil”, avanzou García Porto.

A voceira socialistas lembrou que a Deputación puxo en marcha dende o ano 2019 un total de 6 residencias, “co enorme esforzo en materia de xestión e económica que isto significa”, e ao finalizar este mandato funcionarán en total 9 centros: os de Trabada, Ribadeo, Pol, A
Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. “Todo isto, sen ningún tipo de colaboración por parte da Administración que, por Lei, ten as competencias en servizos sociais, a Xunta de Galicia, que non apoia á Deputación nin tampouco ós concellos para a construción e o funcionamento das residencias”, subliñou Pilar García Porto.