Skip to main content
Portomarín

Os socialistas de Portomarín denuncian o estado de abandono do Gastro-Obradoiro

Por 26 Outubro, 2022Sin comentarios

Os socialistas de Portomarín fanse eco das denuncias e queixas da veciñanza sobre o lamentable estado de abandono no que se atopa o Gastro-Obradoiro. A Voceira Socialista, Silvia Rodríguez, lembra que “este espazo situado no campo da feira foi un dos proxectos dos que presumía o ex-alcalde Juan Serrano, quen na inauguración no 2018 anunciou que era o único concello da provincia que dispoñía dun recinto destas características de titularidade municipal”.

“Pois ben, o gastro-obradoiro esta nestes intres cheo de ratos, abandonado, e os veciños teñen que acondicionar o lugar cada vez que queren desfrutar deste espazo municipal, que foi creado para realizar pequenas celebracións e xuntanzas dos veciños. Esta deixadez, abandono e suciedade reflicte o pouco interese que ten o Goberno do PP de Portomarín por solventar os problemas da vila. É unha pena que a inversión que se realizou neste espazo se tire agora ao lixo, só catro anos despois da obra e compra de equipamentos, que xa están nunhas condicións deplorables”, advertiu Rodríguez.

“O Alcalde e todo o seu Goberno están máis preocupados en saír nas fotos coa cúpula do PP provincial, que en facer un seguimento e unha posta a punto das instalacións públicas do noso concello. Esta é a xestión do Alcalde de Portomarín, non facer absolutamente nada para ter minimamente adecentado o gastro-obradoiro”, criticou a Voceira.

Por iso anunciou que dende o PSdeG “demandaremos explicacións na vindeira sesión plenaria co fin de que o Alcalde e o seu Goberno dean a cara e explicacións á veciñanza sobre a súa xestión neste asunto. Nós non imos quedar de brazos cruzados”, replicou.