Skip to main content
Folgoso do CourelQuiroga

O PSOE critica a xestión do derrubamento na estrada Folgoso – Quiroga logo de seis meses

Por 3 Outubro, 2022Outubro 10th, 2022Sin comentarios

A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de manifestar as súas críticas no relativo ao arranxo da estrada Folgoso – Quiroga que tivo lugar hai máis de seis meses e medio.

A responsable socialista reproba o papel adquirido pola Xunta en resposta a este derrubamento e expón as súas críticas de xeito aberto en Comisión parlamentaria para que o organismo “se dea conta do seu desleixo para reparar unha vía fundamental no Courel durante toda a temporada de verán”, afirma Otero.

A socialista lamenta que a consellería de Infraestruturas destinara “tódolos seus folgos a atacar ao goberno central polo derrubamento dun viaduto da A-6, mentres desatenden as súas competencias propias”.

Otero mesmo compara a resposta do goberno central, “que a pesar das críticas do executivo autonómico tardou apenas mes e medio en ter preparada unha vía alternativa á conexión, mentres a conselleira se comprometía a acadar unha solución cunha pretendida axilidade que se traduciu en catro meses de espera para determinar un vial alternativo”, afirma.

A parlamentaria socialista advirte que a consellería “vai a rebufo do PSdeG, xa que reaccionaron cando os socialistas denunciamos dende Lugo a falla dun desvío provisional e reaccionan hoxe cando denunciamos a lentitude na resposta para reconstruír o vial”, critica.

Alude a que a consellería escollera precisamente o mesmo día en que os socialistas galegos levan esta pregunta ao Parlamento para organizar un encontro entre a titular do departamento e a alcaldesa de Folgoso do Courel para falar do tramo derrubado. “Casualidade? Dubido moito”, conclúe a deputada socialista antes de salientar que “agardamos que atopen a mellor solución para a veciñanza da comarca na recuperación do vial”.