Skip to main content
Folgoso do CourelMonforte

Tomé percorre as zonas do Courel afectadas polos incendios

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

Nun percorrido polas zonas do Courel máis afectadas polos lumes forestais do pasado verán, o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, cualificou de “fracaso evidente” a actual política da Xunta de Galicia en materia de prevención e extinción de incendios.

Tal e como afirma Tomé, “As cifras falan por si soas. Este ano arderon máis de 11.000 hectáreas no Courel e na Pobra do Brollón. É o maior incendio rexistrado na historia de Galicia, unha catástrofe medioambiental, socioeconómica e cultural”.

José Tomé, xunto á secretaria de organización do partido na provincia, Pilar García Porto, a voceira do PSdeG no Courel, Carmen Álvarez, e socialistas do municipio, fixo fincapé na actitude de “lealdade, rigor e coherencia” coa que actuaron os socialistas lucenses ante o problema. “Mentres houbo incendios, a nosa prioridade foi estar cos veciños, achegar medios e loitar contra o lume. Non abrimos entón o debate por sentido da responsabilidade. Pero agora é o momento. A Xunta ten que dar explicacións, asumir a súas responsabilidades e poñer en marcha un cambio radical da súa política de prevención e extinción de lumes”.

O secretario xeral dos socialistas lucenses considera que a decisión da Fiscalía de abrir dilixencias de investigación sobre unha posible responsabilidade por inacción da Xunta no tema dos incendios “é un indicio máis de que non está facendo ben as cousas”.

Entre as deficiencias nos labores de prevención e extinción, que incidiron en que os incendios na provincia alcanzasen tal gravidade, José Tomé sinala que as brigadas non estaban contratadas ou que os medios de extinción non estaban debidamente preparados. Ademais, “o Real Decreto 15/2002 di que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) tense que aprobar en outubro do ano anterior, para preparar os labores de prevención durante todo o inverno. A Xunta estao aprobando en maio, case cando xa chegan os primeiros lumes”.

Xestión “nefasta” da alcaldesa

José Tomé tamén puxo de manifesto “a nefasta xestión” da alcaldesa do Courel fronte aos incendios que sufriron os seus veciños e veciñas. “Dixo que non viñeran políticos, só técnicos, porque non quería que ninguén vise a desfeita provocada por ela e polo seu partido na Xunta”, subliñou.

Tal e como denunciaron xa os socialistas do Courel, a rexedora e o seu goberno “non tomaron nin unha soa medida de prevención e limpeza do monte dende que chegaron ao concello”. Entre outras deficiencias, sinalaron que as brigadas municipais “comezaron a traballar moi tarde, o 23 de xullo, cando os incendios xa comezaran”; e nos desaloxos “esqueceuse de atender á parroquia de Mazo de Santigoso, e tivo que facerse cargo outro concello”.

Un acordo de país para cambiar a estratexia

Na súa visita ao Courel, o secretario xeral do PSdeG na provincia reclamou “un acordo de país” que reformule a estratexia fronte aos incendios forestais, e que pasa por: poñer o acento na prevención e na limpeza dos montes durante todo o ano, implantar un servizo profesional baixo o mando único da Xunta de Galicia, publicar o Pladiga en outubro e impulsar políticas transversais de usos agroagandeiros, forestais, turísticos ou culturais.