Skip to main content
Monforte

Monforte destina axudas ao transporte para universitarios e alumnos de ciclos de formación

Por 7 Outubro, 2022Outubro 10th, 2022Sin comentarios

O concello de Monforte, vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para as axudas ao transporte de estudantes universitarios e de ciclos de formación, ao que destina un orzamento total de 25.000 euros.

As bases que regulan estas axudas, que se poderán solicitar ata o venres 28 de outubro, xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

En concreto, pode optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 5.000 euros con respecto ó mesmo período do ano anterior, e en 11.000 euros con respecto ó ano 2020, dende o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Deste xeito, o Equipo de Goberno do concello fixou a contía destas axudas en 25.000 euros, para os gastos de transporte do curso 2022/2023, en concreto, do período establecido entre setembro do 2022 e ata xullo do 2023.

En relación co ámbito educativo, o concello tamén dispuxo nas pasadas semanas unha liña de axudas de 25.000 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario.

Beneficiarios

Poderá optar a estas axudas o alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior conducentes a títulos oficiais de Grao e ensinanzas universitarias conducentes a títulos de Licenciados ou Diplomados, empadroado no concello de Monforte de Lemos.

E o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e bacharelato empadroado no Concello de Monforte de Lemos que teña que desprazarse fóra do termo municipal, por non existir oferta do ciclo formativo neste municipio ou non ter obtido praza na oferta local no curso. No caso dos menores se entenderá como beneficiario o pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a.

Para consultar tódolos requisitos necesarios para a presentación das solicitudes, pódese visitar a páxina web http://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/