Skip to main content
Monforte

As obras da Ponte de Piñeira, en Monforte, avanzan segundo as previsións

Por 15 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que os traballos de construción do novo piar da ponte de Piñeira avanzan segundo o previsto, logo de que se iniciaran os mesmos no mes de setembro tras a conclusión dos pertinentes informes técnicos.

Estas actuacións consisten na reposición do piar número 2 da ponte, logo de que esta estrutura fora pechada ó tráfico e ós peóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia en dito piar.

O pasado mes de xuño, tras detectar o Concello deficiencias neste piar da ponte de Piñeira que podían poñer en perigo ós seus usuarios, o Alcalde decidiu decretar o seu peche, tanto ó tráfico de peóns como de vehículos, co obxecto de levar a cabo os estudos pertinentes encamiñados a analizar polo miúdo a deficiencia do piar, así como revisar o seu estado xeral, para proceder á súa reparación.

“Tras seren executados os correspondentes traballos de enxeñería a cargo da empresa Extraco e do director de obra designado polo Concello, traballos necesarios para determinar a situación do piar da ponte e para darlle unha solución á deficiencia dectectada, levouse a cabo a colocación de micropilotes nunha profundidade de 9 metros, con cimentación para estabilizar o terreo, e nestes momentos estase a proceder á construción do novo piar, logo da retirada do anterior,coa mesma forma dos piares existentes”, subliñou o alcalde.

Tal e como anunciara o rexedor monfortino hai unhas semanas, os traballos estarán rematados na súa totalidade, si as circunstancias do tempo o permiten, aproximadamente a finais do mes de outubro.

Debido a que as obras foran contratadas por emerxencia, o custe das actuacións estímase segundo os técnicos en máis de 200.000 euros.

”Unha vez estean rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira”, concluíu o alcalde, procederemos ó restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas, previsiblemente en novembro, unha vez que estea endurecido o novo piar”.

Diagnose do estado do piar da ponte

Deste xeito, os traballos de enxeñería mencionados polo alcalde, comprenderon a inspección da ponte, así como o levantamento topográfico do caudal, a elaboración dun estudo hidrolóxico, a emisión dun informe xeotécnico e o correspondente proxecto técnico da reconstrución do piar afectado.

En concreto, os informes emitidos indican que se produciu un descalce da cimentación que provocou un asento e un xiro do piar, que tivo como consecuencia a perda de apoio entre o taboleiro e dito piar.

Esta perda de apoio “obrigou ó corte da vía, xa que o vano resultante conta co dobre de luz que os vanos iniciais, non tendo a capacidade estrutural necesaria para soportar as cargas do tráfico, nin estando garantida a capacidade estrutural baixo o propio peso”, indica o informe.