Skip to main content
Monforte

A mostra Cociña Histórica Sefardí xa se pode visitar na Casa da Cultura de Monforte

Por 24 Outubro, 2022Outubro 26th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de inaugurar, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a exposición que o Concello, xunto á Rede de Xuderías de España organiza baixo o título Cociña Histórica Sefardí .

“Con esta exposición de fotografías e paneis”, destacou José Tomé Roca, “propoñemos unha viaxe no tempo para coñecer a historia da gastronomía xudioespañola e para elo tomamos coma referencia o libro Sabores de Sefarad escrito por Javier Zafra”.

Cociña Histórica Sefardí consta de 27 láminas informativas de 115 x 62 centímetros e vai acompañada dunha aplicación web que traduce os textos de cada lámina, que poden lerse ou escoitarse en audio.

No acto inaugural, o alcalde estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.

A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do ata o 4 de novembro.

Cociña Histórica Sefardí

Falar de cociña medieval, xa sexa hebrea, cristiá ou musulmá, leva implícito falar de mulleres. Elas mantiveron viva a chama do fogar e a custodia dos receitarios arcanos, legados das súas nonas e das súas nais, incluso das súas sogras.

A cociña sefardí é diaspórica e foi asimilando a maneira de guisar e os alimentos das civilizacións peninsulares coas que conviviu: dende os fenicios, unha cociña mariñeira, a Tétrada Íbera, a Tríada Mediterránea da tradición grecorromana e a Revolución Verde Andalusí, onde a cociña evolucionou ata converterse en gastronomía.

Trala expulsión en 1492, a influencia viría da cociña arabizada do Imperio Otomán e doutras comunidades xudías do Mediterráneo.

A Rede de Xuderías de España, no seu labor de investigación, recuperación, divulgación e promoción da cultura sefardí, desenvolveu esta mostra dedicada á gastronomía histórica sefardí, entre cuxos obxectivos está non só o dispoñer dunha fonte contrastada e documentada sobre todos os aspectos da cociña: os ingredientes, receitas, usos e normas e características desta cociña, senón especialmente en como difundila para que coñezamos as conexións e volva a entrar nas nosas cociñas, recoñecendo as peculiaridades desta cociña e desta cultura.