Skip to main content
Pantón

Pantón acolle o luns o II Foro Think Tank Ribeira Sacra

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

Este evento terá lugar para debater propostas de futuro para a Ribeira Sacra e dará comezo ás 10.00 horas.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza no marco da iniciativa Conecta Lugo que comparte coa Xunta de Galicia, o II Foro Think Tank Ribeira Sacra: aposta de futuro, un encontro que busca ser ferramenta de coñecemento e debate sobre as potencialidades económicas da zona sur da provincia, así como punto de xeración de ideas de futuro para a Ribeira Sacra.

O encontro terá lugar no Balneario Augas Santas de Pantón o próximo día 24 de outubro, luns, en horario de 10.00 a 14.00 horas e contará con intervencións de representantes da Xunta de Galicia e outras entidades de importancia na Ribeira Sacra, así coma dalgunhas das empresas máis dinámicas da zona, entre outras.

Máis concretamente, o foro dividirase en tres mesas de traballo, nas que se debaterá sobre O potencial do sector agroalimentario, a Excelencia e sostenibilidade como camiño do turismo ou O viño como porta ao mundo.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición que xa se pode tramitar a través da páxina web da CEL, www.cel.es ou chamando ao 982 231 150.

Conecta Lugo

Trátase do segundo Foro Think Tank que a CEL organiza, tralo celebrado no mes de maio en Ribadeo, no marco do proxecto Conecta Lugo. Esta iniciativa permitiu á organización empresarial lucense ofrecer, co apoio da Xunta de Galicia, diferentes servizos ás pymes lucenses ao longo do último año, coa finalidade de asesoralas e animalas a presentar solicitudes ás diferentes liñas de axudas da Administración Autonómica. O obxectivo final é o de incrementar os proxectos innovadores na provincia de Lugo, especialmente na zona rural, e mellorar a competitividade das empresas lucenses.