Skip to main content
Quiroga

O San Martiño chega a Quiroga o 11 de novembro

Por 21 Outubro, 2022Outubro 22nd, 2022Sin comentarios

A comisión de festexos vén de reunirse para dar a coñecer o programa do San Martiño, patrón da vila quiroguesa, cuxos festexos comezarán o venres 11 de novembro.

Trala xuntanza da comisión quedou organizado o programa que comezará o venres día 11 ás 11.00 horas cunha alborada a cargo do grupo Ventosiño dos Xograres de Lemos e a celebración do Día da Bicicleta.

Ás 12.00 horas será o momento dos actos relixiosos, terá lugar unha misa solemne e unha procesión, si o tempo o permite, na que o santo homenaxeado recorrerá a zona da praza Maior. Precisamente neste lugar será onde se desenvolvan a partir dese momento todos os actos programados para a xornada de festa local en Quiroga.

Ás 13.15 horas o grupo Ventosiño dos Xograres de Lemos actuará no recinto da praza Maior. A partir das 16.00 horas e para os máis pequenos, haberá diversión coa recuperación de xogos populares.

Ás 19.00 horas será a hora na que cobren protagonismo as castañas. Asaranse castañas para que todos os asistentes as poidan degustar acompañadas de viño novo. Tampouco faltará a música nesta noite da que se encargará o dúo Eclipse.

A comisión que organiza os festexos e eventos do municipio decidiu deixar un último acto da festividade do San Martiño para o domingo día 13, no que o Auditorio Municipal acollerá a partir das 18.00 horas a actuación teatral As alumnas, obra dirixida por Fina Calleja e que conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.