Hoxe sábado 22 de outubro terá lugar na casa da cultura do concello de Quiroga, unha charla divulgativa impartida polo profesor Martínez Catalán da Universidade de Salamanca sobre o pregamento de Campodola.
A conferencia impartirase de 11.00 a 12.30 horas baixo a denominación A Cada Paso Unha Postal e o tema principal que se abranguerá nela serán Os pliegues acostados das montañas do Courel: xeometría e mecanismos de deformación.
Unha vez finalizada a charla, os asistentes poderán asistir a varias visitas de campo polas terras do xeoparque Montañas do Courel e a unha degustación de produtos típicos da zona.
As visitas comezarán ás 12.30 horas nas lousas de Pacios da Serra, ás 14.00 horas terá lugar a degustación de produtos locais, ás 16.00 horas visitarase o pregamento deitado das Montañas do Courel no val do río Pacios e no punto de observación de Penas Rubias, ás 17.45 horas o Museo xeolóxico de Quiroga e por último, ás 18.30 horas o Centro de interpretación da Minería Aurífera Romana en Ribas de Sil.
Pregamento de Campodola
O Pregamento de Campodola foi declarado monumento natural en abril de 2012 e lugar de interese xeolóxico internacional. Está situado no concello de Quiroga, entre as aldeas de Campodola e Leixazós, e é a pegada máis evidente e espectacular do punto de unión de dúas masas continentais que deron lugar á formación do territorio emerxido de Galicia tal e coma o coñecemos hoxe.

Nos montes de Campodola e Leixazós apréciase con claridade o proceso de pregamento que xerou este choque grazas á erosión que deixou ao descuberto a súa estrutura interna nun gran corte vertical, que pode contemplarse con total claridade nas dúas marxes do río Ferreiriño.
O popularmente coñecido como plegamento de Campodola-Leixazós constitúe un exemplo típico do que se denomina pregamento deitado. As capas que o compoñen conteñen distintos minerais de períodos xeolóxicos distintos, como roquedos de ton claro: cuarcitas do Arenigiano e zonas escuras con vexetación.