Skip to main content
O Incio

Coñece Santalla de Trascastro, unha parroquia do Incio chea de encanto

Por 2 Outubro, 2022Outubro 3rd, 2022Sin comentarios

Santalla de Trascastro​ é unha parroquia e aldea​ do municipio do Incio. Cunha extensión de 20 quilómetros cadrados, é a parroquia máis grande de todo o termo municipal e conta con catro núcleos de poboación: Airela, Ferrería, A Roxoa e Trascastro.

Trascastro atópase en pleno Incio alto, onde o terreo é accidentado e con barrancos, varias correntes discorren polo seu terreo desembocando no río Antiga, que á súa vez forma un pequeno val que da orixe a minúsculos microclimas como o existente na zona da Ferrería.

Se toda a comarca do Incio é sumamente rica en xacementos arqueolóxicos, en Trascastro existen algunhas estacións de petroglifos coma a Pedra de San Mamede ou Pena Escrita. Os habitantes dos castros deixaron tamén aquí a súa pegada e de aí a orixe do nome da parroquia.

A Ferrería, un dos seus catro núcleos de poboación, foi e continúa a ser moi importante na zona, é aquí onde se localiza unha primitiva vía medieval que ben puidera ser anterior á orixe romana.

De toda a extensión que ten o municipio do Incio, é en Trascastro onde as vivendas presentan un tipo e forma máis arcaica nas súas casas. Son frecuentes os salientes, as balconadas de madeira e ata algúns pasadizos aéreos que deixan libres os camiños sen que as vivendas queden seccionadas. Estas adoitan ser de plantas variadas, algunhas con esquinas redondeadas que semellan ás primitivas chozas castrexas.

Con respecto ao templo co que conta a parroquia, é unha sinxela peza rural dun estilo barroco xa moi avanzado no que se deixa entrever un incipiente estilo neoclásico.