Skip to main content
Cultura SARRIAXAO Incio

Entrevista: “O colexio é unha parte fundamental da comunidade”

Por 11 Outubro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Membros da ANPA do CEIP Ricardo Gasset O Incio: Elvira Campo Campo (presidenta), María Pérez Rodríguez (tesoureira), Anabel Rodríguez López (secretaria) e Noelia Maceda Gallego (vogal).

Cal é a realidade dun centro coma o CEIP Ricardo Gasset do Incio?

Cremos que é necesaria unha pequena contextualización para entender a realidade dun centro educativo no rural e as súas peculiaridades xa que o despoboamento das zonas rurais afecta de xeito transversal ao noso día a día e dun xeito palpable na perda de servizos.

O que se nos traslada dende a Administración é que habendo pouco alumnado non pode haber todo o profesorado especialista que corresponde e pónsenos ás familias na tesitura de ter que decidir se queremos ter profesores especialistas en música ou en Educación Infantil, pero que os dous non pode ser.

Empregando unha triste comparativa que reparte ao alumnado en lotes de 25 alumnos por aula a cargo dun/dunha docente, veñen a dicirnos que os nosos fillos e fillas son números e non nenos e nenas.

O noso posicionamento é claro: as nosas nenas e os nosos nenos teñen dereito a educarse no lugar onde viven. Cremos que o colexio é unha parte fundamental da comunidade.

Unha escola é un centro de aprendizaxes nun contexto determinado que debe facilitar a participación de todos e todas. Un lugar onde as familias nos achegamos ao día a día da escola axudando no que se precise, vindo ás aulas a contar as nosas tradicións ou a explicar en que consiste o noso traballo.

Os centros escolares do rural tamén son responsabilidade da consellería de Educación que debe garantir que estes centros ofrezan os mesmos servizos coa mesma calidade educativa que os centros das cidades.

Como presidenta da ANPA, que opinión xeral observa entre os nais e pais do alumnado do centro?

As familias son conscientes da necesidade de que exista unha asociación da nais e país nun centro educativo e máis tendo en conta a situación que viven os colexios no rural.

As familias son poucas e os recursos en consecuencia tamén. O traballo é moito e vaise facendo como se pode, sacándolle horas ao sono.

Que obxectivos ten a Asociación de Nais e Pais de Alumnos?

Defender os intereses dos nenos e nenas e o seu dereito a unha educación de calidade. Isto implica dun xeito máis concreto: coidar de que non se produza unha merma na calidade educativa da nosa escola, colaborar co equipo docente naquelas cuestión que sexan precisas, promover actividades de formación tamén para as familias a través de subvencións e tamén coa colaboración e apoio da Fapacel e co-xestionar (xunto co Concello), unha oferta ampla de actividades extraescolares.

Que proxectos a curto, medio e longo prazo ten proxectados a ANPA deste centro?

As familias que apostamos por vivir no rural e por criar aos nosos fillos e fillas aquí, defendemos un modelo de vida acorde coas necesidades da infancia. Pensamos que os centros escolares masificados non dan resposta ás necesidades das nosas nenas e dos nosos nenos. Nos centros pequenos o nivel de conflitos é moito menor e a relación coas familias máis directa.

O noso proxecto é continuar co traballo da mellor maneira posible sempre en defensa dos dereitos dos nosos fillos e das nosas fillas; tratando sempre de involucrar á maior parte de familias neste proceso. Entendemos a educación como unha labor colectiva na que cómpre apoiarnos entre nós e entendernos sempre co profesorado.

Que actividades vides realizando de forma sistemática?

Vimos realizando actividades coma a solicitude á deputación de excursións dentro da provincia e obradoiros culturais para os nenos e nenas da nosa escola, a co-xestión de actividades extraescolares, reunións e xuntanzas periódicas para organizar, coordinar e informar e a realización de escritos, visitas e reunións con representantes da administración para impedir o recorte do profesorado.

Existe boa relación e comunicación entre o colexio e a ANPA?

Si, a relación existente é moi boa.

E dentro da ANPA, existe en xeral unha boa colaboración da maioría de nais e pais de alumnos?

En xeral si, a implicación varía en función dos traballo e dos horarios das familias.

Cales cre que son as principais dificultades ou carencias do colexio e como cre que poderían solucionarse?

As dificultades veñen fundamentalmente dende fóra e teñen que ver directamente coa dotación de recursos dos centros escolares. Defendemos a igualdade de oportunidades para os nosos nenos e nenas e para isto cómpre que a autoridades competentes se involucren para garantir que os recursos no rural non son un gasto senón unha inversión.

Por outra banda está a mobilidade do profesorado. Actualmente nos centros rurais non podemos contar con equipos docentes estables. O profesorado está saturado, facendo equilibrios cos horarios, coas gardas e empregando moito tempo e esforzos para que o centro funcione. A maioría en canto pode marchar faino, é comprensible, tamén teñen vida máis alá do cole.

Cre que as nais/pais na actualidade están o suficientemente formados como educadores?

Ninguén vén cun carné de nai/pai baixo o brazo. O importante é tratar de facelo o mellor posible tendo a mente aberta para poder aprender de todo o que estea ao noso alcance. O diálogo e a empatía son palabras clave neste proceso.

Defina 4 características do centro

Cremos que o CEIP Ricardo Gasset do Incio é un espazo aberto con múltiples posibilidades, boas instalacións, profesorado comprometido e unha ANPA colaboradora.