Skip to main content
Láncara

A asociación Val de Láncara concede o Ramón Piñeiro Facer País a Luz Fandiño

Por 17 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

A escritora e activista Luz Fandiño (nada en Santiago de Compostela no ano 1931) é a gañadora da vixésima edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País.

A Asociación Cultural Val de Láncara presentou no Consello da Cultura Galega (CCG) o fallo da vixésima edición deste premio, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade.

“Quixemos destacar, nesta ocasión, a unha muller combativa en favor da lingua e da cultura do país”, destaca o profesor Xurxo Rodríguez Lozano en nome da asociación.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o “valor deste certame, que nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo”.

Á presentación asistiron tamén María José Fernández Meilán e Katia Rodríguez por parte da asociación e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, que agradeceu a todas as entidades a organización deste certame.

A asociación cultural

A asociación cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron “polo seu labor de promoción, defensa e vertebración da comunidade autónoma de Galicia”.

O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes.

Algúns dos anteriores gañadores deste certame son por exemplo a Asociación Xermolos, Isaac Díaz Pardo, Luis Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a RAG, Mini e Mero ou Margarita Ledo.