Skip to main content
Láncara

Os gandeiros de Láncara buscan un novo punto de recollida de plásticos agrícolas

Por 18 Outubro, 2022Outubro 20th, 2022Sin comentarios

Membros do Partido Popular de Láncara, volven pedir ao goberno local que “tome en serio” a petición dos gandeiros para habilitar un punto de recollida de plásticos agrícolas próximo ás parroquias da montaña.

Os populares de Láncara insisten na necesidade de crear un punto de recollida de plásticos agrícolas próximo ás parroquias da montaña. Xa que tal e como explican “O goberno local está a tempo de reservar unha partida económica nos orzamentos municipais para o ano 2023 para a construción dun espazo que conte con peche e chan de formigón para facilitar aos gandeiros da zona a acumulación de plásticos agrícolas para a súa posterior recollida”.

O Grupo Municipal Popular de Láncara xa trasladara esta proposta a finais do ano 2019 tendo en conta que “a gandería é a principal actividade económica do municipio”. A finais do 2020 volveron insistir nesta reivindicación dos veciños da zona da montaña que, nalgúns casos, teñen que desprazarse ata 20 quilómetros para deixar os plásticos agrícolas no lugar habilitado máis próximo. Posteriormente, volveron preguntar varias veces máis no pleno, pero o goberno local socialista “nada fixo”.

O concelleiro popular Óscar Martínez Rubio lamenta que “o goberno local non trate de facilitar a actividade dos nosos gandeiros”. En cambio, segundo sinala, “noutros concellos habilitan lugares para que os gandeiros depositen os plásticos de forma provisional para facilitar a súa recollida en días determinados” ou, incluso, “organizan unha recollida periódica porta a porta polas explotacións gandeiras para evitar desprazamentos aos veciños”.

Os populares reiteran polo tanto esta petición ao alcalde para que “a tome en serio” e apoie a actividade dos gandeiros ofrecéndolles “algunha alternativa” para recoller os plásticos agrícolas sen ter que desprazarse varios quilómetros.

Puidemos falar co alcalde socialista Darío Antonio Piñeiro, quen pola súa banda, manifesta que “Apoio completamente ao sector gandeiro. Estou totalmente aberto a calquera tipo de negociación que se me poida plantexar. Nestes momentos non dispoñemos dun terreo para habilitar como posible punto de recollida de plásticos agrícolas, pero se os membros do Partido Popular propuxeran un non tería ningún inconveniente en estudar a proposta”.