Skip to main content
Samos

Samos acolle esta fin de semana a onceava edición do concurso Ir de Tapeo

Por 19 Outubro, 2022Outubro 21st, 2022Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes e Artesáns do concello de Samos organiza un ano máis este concurso de tapas que espera facer as delicias de veciños e visitantes esta fin de semana.

Ir de Tapeo xurdiu hai máis de dez anos co obxectivo de dinamizar a hostalería da rexión e promover a gastronomía local.

Cun total de 5 establecementos participantes entre os que se atopan: o Hotel A Veiga, o Mesón Pontenova, o Restaurante Albaroque, o hostal e albergue Tras do Convento e A Cantina de Renche, as tapas terán un custo de entre 0,50 céntimos e 2 euros.

Tal e como afirma o propio presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns, José Fernández Vázquez, “este ano esperamos moi boa acollida por parte do público. É un evento que cada ano conta con máis xente e este outubro non esperamos menos”, salienta Fernández.

Para a elección do establecemento gañador, os participantes no concurso terán que meter as súas papeletas nunha urna. “Cada un vota en función das tapas que proba cunha puntuación que vai de 1 a 3. Aqueles que probaran máis de catro tapas entrarán ademais no sorteo dunha cea para dúas persoas nun dos establecementos participantes”, comenta o presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns.

El mesmo destaca tamén que “ao negocio gañador facémoslle entrega dun premio simbólico. Unha pequena figura que é unha réplica dunha uva dunha vide cunha pa. Iso foi o que entregamos o ano pasado, para este outubro aínda non o temos encargado pero penso que será o mesmo”, comenta.