Skip to main content
Cultura TERRACHÁXADeportes TERRACHÁXASarria

Entrevista: “Traballamos para que o CB Sarria sexa un club de referencia no baloncesto galego”

Por 8 Outubro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

María Jesús Arias, nova presidenta do CB Sarria.

Queremos coñecer un pouco máis a figura de Mª Xesús. Sempre lle gustou o baloncesto? Comezou practicando este deporte dende nena?

Si, dende moi nova practiquei deportes de equipo, o que me ensinou a importancia dos valores do deporte en grupo.

Cando comezou a estar vinculada ao CB Sarria? Cóntenos a súa traxectoria no equipo.

Empecei no ano 2018 como vogal da man de Paco García Conde como presidente, na última tempada da súa lexislatura.

Despois no seguinte equipo directivo, capitaneado por Xabi López-Acevedo, estiven de vicepresidenta.

Gústalle máis o baloncesto dende o punto de vista do xogador ou dende o lado da directiva. Por que?

A día de hoxe, estando na directiva, a miña  responsabilidade dura 24 horas cos seus contratempos e tamén por suposto, satisfaccións. Desfruto cos partidos da fin de semana véndoos a eles e a elas xogar.

O xogador/a tamén ten o cometido de esforzarse, de  pasalo ben, de mellorar e de comprometerse cos seus compañeiros, co club  e con el mesmo.

Que a levou a dar o paso para ser presidenta do club?

Os meus compañeiros animáronme moito e sobre todo, foi unha decisión de compromiso cun proxecto, un traballo incrible realizado durante sete anos por un grupo de persoas que dun xeito altruísta e sacando tempo de lecer cas familias, traballamos en equipo para que o CB Sarria sexa un club de referencia no baloncesto galego.

Esperaba este nomeamento? Imaxino que é resultado dunha traxectoria de moito traballo e esforzo

A verdade é que non o esperaba. As tarefas que facía no club xa supoñían dedicación e responsabilidade. Agora todo isto multiplicase  pero a suma de traballo máis esforzo é unha norma no meu  día a día e en todo aquilo no que me implico, así que esperamos que sexa tamén a continuidade a un gran proxecto e que vaiamos por bo camiño.

Que atopou no CB Sarria cando chegou?

Un club cun grandísimo traballo detrás por parte do equipo de Paco e despois do de Xabi, cunha base sólida, tanto a nivel deportivo coma económico e cunha enorme proxección  de futuro, coma así está sendo.

Como valora o crecemento do club nos últimos anos a tódolos niveis?

De xeito moi positivo.  A nivel deportivo, a día de hoxe temos cerca de 300 rapaces e rapazas no club. A tempada pasada gañamos seis de once campionatos, un ascenso a Liga Galega por parte das rapazas do Cadete Feminino e outro ascenso a Segunda por parte do equipo Sénior Masculino.

A nivel económico, o traballo dos dous anteriores presidentes foi inconmensurable: na procura de patrocinios, axudas institucionais, socios… a colaboración de todos é imprescindible para que o club siga adiante. Sen ese traballo, sería moi difícil que o CB Sarria estivera onde está agora.

E en canto á súa evolución persoal dentro do CB Sarria?

É boa, quizais algo vertixinosa polo medo a errar. Hai moita responsabilidade, porén tamén me sinto orgullosa de ser a primeira muller  que ocupa este cargo, con sorte espero non ser  a última.

Que pensa que pode aportar vostede ao club?

Traballo e traballo, e o compromiso de que siga funcionado na mesma liña. Paixón por seguir vendo a evolución dos nenos e nenas do club.

Sabemos que os valores que van asociados á práctica do baloncesto son moi importantes, cales son eses valores e como se traballará para inculcalos no club?

Os valores que intentamos inculcar no CB Sarria son o respecto, a solidariedade, o esforzo, o compañeirismo e en resumo: o compromiso se ser EQUIPO. Estes son os principais valores do noso club.

Traballamos dende o exemplo e o coñecemento  dos adestradores/as que son os que forman día a día aos nenos e nenas.

Como se presenta a tempada 22/23?

A tempada 22/23 definiuse ca axuda  dos responsables da área deportiva, Maísa e Adrián, e vimos de rematar as últimas pinceladas. Temos novas incorporacións de adestradores e xogadores e tamén a volta á competición despois de cinco anos dun equipo Sénior Feminino con rapazas de Sarria.

Temos moita ilusión por seguir medrando día a día, esperemos que esta tempada 22/23 siga na liña da pasada.

Non sei se quere engadir ou resaltar algunha outra cousa

Claro, coma presidenta actual do club gustaríame pedir que rememos todos na mesma dirección e que desfrutemos deste fabuloso deporte. Forza CB!!