Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Facer teatro reforza a autoestima e a aceptación persoal”

Por 9 Outubro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

María Elvira Pallares Gallego (Viruca) e Rocío Magalí Peccatiello Rey, vogal e presidenta da asociación Rebuldeira Teatro de Sarria.

Quen forma Rebuldeira Teatro?

Os compoñentes de Rebuldeira Teatro actualmente somos: Antonio Castro López (Tocho), Daniel Rodriguez Cabada, David Neira Rodríguez, María Elvira Pallares Gallego (Viruca), María Jesús Tosar López, María Milagros Nuñez Pérez, Milagros López Pérez e Rocío Magalí Peccatiello Rey.

– Como xurde a idea de crear este colectivo e en que ano se fragua?

O Grupo Rebuldeira Teatro naceu en Sarria, en xaneiro do 2011, formado por alumnos e alumnas e ex alumnos da Aula de formación teatral creada no propio concello no ano 2010.

– Por que o nome de Rebuldeira Teatro? Ten algún significado en especial?

Cando tivemos a primeira reunión para crear a asociación, cada un levaba unha proposta para o nome e saíu gañadora a proposta de Viruca.

Rebuldeira é un sinónimo de brincadeira e significa ao que lle gusta xogar, brincar ou saltar.

– Sodes moitos na actualidade?

Na actualidade a asociación está formada por 8 actores e actrices con idades que van desde os 18 anos ata a xubilación.

– Que facer se un quere unirse a Rebuldeira Teatro? Soamente acolledes a adultos ou tamén poden participar os nenos das vosas actividades?

Para unirse ao grupo soamente hai que ter ganas e disposición. Sempre pedimos que a xente teña compromiso co grupo xa que se falta un, é complicado ensaiar unha obra.

Antes da pandemia, a Aula de Teatro de Sarria contaba con teatro infantil e adulto, sen embargo, a covid-19 provocou que a actividade organizada polo concello desaparecera.

Aínda así, as nosas ganas de seguir facendo teatro foron en aumento, polo que continuamos subíndonos as táboas co grupo de teatro para adultos.

– Dende os vosos comezos fixestes moitas actividades ao longo de toda Galicia e moitas representacións supoño… Faládenos un pouco delas.

Na súa andaina, foron presentadas obras e improvisacións, tanto en moitos pobos de Galicia como fora do noso territorio en colaboración cos Centros Galegos de Barakaldo e Barcelona.

As pezas presentadas foron: A Comedia Bífida, O Velorio, A farsa Plautina, A Pantasta do Pazo do Tumbiadoiro, O Achado do Castro, Arsénico por caridade, Louca adaptación de Asamblea de Mulleres, O Bar de Manolo, Fráxiles e Sorpresa, sorpresa.

Por outra banda, tamén foron feitas varias improvisacións, algunhas relacionadas con temáticas actuais como a violencia de xénero e outras adaptacións libres en un ton cómico para celebrar o día das Letras Galegas, homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, colaborar coa feira das antigüidades de Sarria e para representar nas residencias de anciáns da comarca.

– Como é un dos vosos números? Como vos preparades, cantas horas de ensaio dedicades máis ou menos aos eventos?

Pois a verdade é que depende moito do tipo de evento que fagamos, xa que non é o mesmo montar unhas escenas con poucos personaxes que preparar unha obra con moitos.

Tamén hai que ter en conta, que preparar unha obra, leva moito tempo e moito traballo detrás, máis do que a xente imaxina. Temos feito algunha improvisación formada por escenas organizada en dúas semanas, como tamén tardamos un ano en facer calquera das obras que levamos representado.

– Quen propón as representacións que se levarán a cabo e canto tempo pasa dende que se decide representar unha obra, se prepara, ata que se chega a representar?

Sempre contamos cun/a profesor/a que se encargaba de ler un gran número de obras procurando que se adaptaran o máximo posible ao número de actores e actrices do grupo. Cando a conseguía, nola propoñía, leíamola todos xuntos e se nos convencía a todos, poñiámonos mans á obra.

Os ensaios eran os xoves de 20.00 a 22.00 horas seguindo o calendario escolar.

– Vimos de coñecer que actualmente estase a levar a cabo en Sarria a primeira Mostra de Teatro Iván Tourón Morais, contádenos un pouco máis acerca dela, as representacións que se van facer…

Pois a idea de facer a I Mostra de Teatro Iván Tourón Morais xurde tras a perda do noso compañeiro o 4 se setembro do 2021.

Puxémonos en comunicación co concello de Sarria porque queríamos facerlle unha homenaxe e ademais de aceitar a nosa proposta, nos propuxeron a posibilidade de poñer no auditorio onde ensaiamos, a colocación dunha placa co seu nome.

A Mostra se celebrará durante os meses de setembro e outubro tanto para público infantil (os venres ás 17.30 horas) como para publico adulto (os domingos ás 20.00 horas) na Casa da Cultura de Sarria.

Contamos co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o concello de Sarria, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Ler conta moito e o noso grupo, Rebuldeira Teatro.

As obras para público infantil que terán lugar os venres dentro desta mostra son: 4 monos de Tropa de trapo (o 30 de setembro ás 17.30 horas), A estatua de Asociación cultural teatreiras (o 7 de outubro ás 18.00 horas) e A Saga de Flin Havardr de Trecola producions (o 14 de outubro ás 17.00 horas).

En canto ás obras para público adulto, terán lugar os domingos ás 20.00 horas e son: Escola de vaqueiros de Metatase Teatro (o 2 de outubro), Adulterio decente de Charamela Teatro (o 9 de outubro) e No fío das historias de Alentía Teatro (o 16 de outubro).

– Cales son as seguintes actividades que tedes previstas en Sarria ou en concellos próximos?

Actualmente levamos a nosa obra Fráxiles a tódolos circuítos, mostras e certames que van solicitándonos. As datas previstas son as seguintes: o 19 de novembro estaremos no Incio ás 17.30 horas con Ciclo Táboas Cheas de Emoción, o 20 de novembro na Casa da Cultura de Sarria ás 19.00 horas co Circuíto Galego de Teatro Amador 2022 e o 11 de decembro en Escairón con Ciclo Táboas Cheas de Emoción.

Por outra banda, nós tamén somos organizadores de circuítos de teatro como o Circuíto Galego de Teatro Amador 2022 de Fegatea e a Mostra de Teatro Iván Tourón Morais como xa contamos anteriormente.

Dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador 2022 de Fegatea organizaremos os seguintes actos no mes de novembro: Cavort Teatro coa súa obra Enclave de X (o día 6), Porta Aberta coa súa obra Get Back (o 13) e Fauna 113 coa súa obra Os veciños do lado (o 27 de novembro).

Con respecto ao Ciclo Táboas Cheas de Emoción da Deputación de Lugo, Teatreiras respresentará a súa obra O crime de Lady Sibila o 3 de decembro.

A nosa paixón polas artes escénicas, leva ó grupo a continuar coa formación interpretativa, polo que tamén se organizou por parte de Fegatea, o curso intensivo Laboratorio de Creación Escénica impartido polo sarriano Cesar o 26 de novembro na Casa da Cultura de Sarria (en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas).

Para poder participar, é obrigatoria a inscrición que se pode facer na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc32FX32b4xqsL2DiUs4f1xP6W[1]SYm7MWqxuyZnaMgnTXrIOg/viewform

– Que lle dirían á xente para que se animaran a facer teatro?

O teatro ten moitos beneficios tanto para o espectador como para o que está enriba do escenario. Por unha banda, o espectador durante o tempo que dura a función, transportase a outro mundo, esquécese dos problemas e pasa por un conxunto de cambios emocionais que van dende a risa ata a tristeza, dende o medo á tranquilidade.

Por outro lado, para os actores e actrices, funciona como unha ferramenta para desenvolver a imaxinación, saíndo da zona de confort e permitindo xogar como cando eramos nenos. Tamén ten outros moitos beneficios como vencer a timidez, mellorar a vocalización, reforzar a autoestima e a aceptación persoal, ou a eliminación de tabús, entre outros.