Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O tiro con arco aumenta a concentración, a coordinación e a mobilidade da zona superior”

Por 22 Outubro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Alberto Rincón Bueno, presidente do Club Seurri, que imparte tiro con arco en Sarria.

– En qué ano naceu o club Seurri e con cantos adeptos conta na actualidade? Fáganos un pequeno percorrido pola historia do club

Na actualidade, o club conta con 18 socios pero nos seus inicios no ano 2014 contaba só 9. Todo comezou cando a miña filla probou tiro con arco no instituto, a partir de aí eu tamén me interesei e acabamos formando un club, que día a día vai crecendo un pouco máis.

Comezamos adestrando no pavillón que nos cedía o concello de Sarria os sábados pola mañá, pero na actualidade contamos xa coas nosas propias instalacións.

– Moita xente practica tiro con arco no concello de Sarria?

A verdade é que non é un deporte moi practicado na localidade, non sei se é porque a xente descoñece este tipo de deporte e a posibilidade de practicalo nesta localidade, ou se é que só é un deporte atractivo para algúns poucos.

– Persoalmente cando comezou a interesarlle o tiro con arco e que é o que lle chamou a atención deste deporte?

Como dixen anteriormente, eu decidín probar porque a miña filla me insistiu en que o fixera, dixo que me ía gustar moito. E co tempo… pois xa ves onde estou agora, co título de monitor autonómico e pertencendo o club Seurri!

– Que o levou a ser presidente da entidade? Imaxino que antes foi arqueiro… ten algún referente no mundo do tiro con arco?

Sobre todo o compromiso polo deporte e o amor por esta disciplina deportiva.

Si que sigo sendo arqueiro e como referentes neste deporte teño a Miguel Alvariño que foi aos xogos olímpicos, así como outros grandes arqueiros da comunidade.

– Como cree que inflúe a idade neste deporte?

Persoalmente creo que a idade neste deporte non é ningún impedimento, xa que se pode realizar sen importar os anos que un teña. Iso si, desenvolvendo sempre a disciplina, coordinación, concentración e forma física necesarias.

– En que competicións ten previsto participar o Club Seurri proximamente?

Pois temos valorado participar nas próximas competicións en sala que realicen tanto a Federación Galega como as independentes realizadas polos clubs. Todo co fin de poder desfrutar e vivir novas experiencias.

– Cales son as diferentes modalidades coas que conta o Tiro con Arco?

Principalmente tiro con arco recurvo ou olímpico. Aínda que hai pouco tivemos a sorte de contar con dúas novas incorporacións no club que practican a modalidade de arco instintivo e están especializados en percorrido 3D.

Tamén existen modalidades de arco tradicional e composto pero, de momento, nós non dispoñemos de ningún arqueiro que practique esta modalidade.

– Cóntenos en que consiste unha rutina de adestramento para este deporte.

Comezamos cun quecemento para preparar os músculos e articulacións e así evitar posibles lesións. Logo seguimos con secuencias de tiro en diferentes distancias e dianas de diversos tipos segundo o nivel do arqueiro. Nalgunhas ocasións, facemos pequenas competicións e xogos entre nós, para rematar o adestramento de maneira máis divertida.

E xa por último, facemos uns estiramos para relaxar o corpo despois do adestramento.

– Tedes algunha actividade enfocada a fomentar unha disciplina feminina?

O tiro con arco é totalmente un deporte mixto e para calquera persoa. Dende os inicios contamos con socias femininas, que foron aumentando co tempo. Na actualidades contamos cun total de 6 arqueiras.

– Cales son as lesións que adoitan ter aqueles que practican tiro con arco?

Unha mala práctica ou un equipo non axeitado unido ás condicións de cada tirador, poden producir lesións fundamentalmente no lombo, así coma nas mans, pescozo e ombros. Por iso, é importante facer exercicios previos ao adestramento para quentar, e logo por suposto, estirar ao rematar.

– Contades no club coa posibilidade de incluír a alumnos con algún tipo de discapacidade?

De momento non contamos con ningunha persoa con discapacidade. Pero se temos esa oportunidade, adaptarémonos sen problema.

– Por que aconsellaría á xente que se inicie no mundo do tiro con arco? Que lle aporta?

O tiro con arco é un deporte divertido e que proporciona a capacidade de aumentar a nosa concentración, coordinación e mobilidade na zona superior, así coma o dinamismo e a relación entre compañeiros. Ademais, é un bo remedio para relaxar a mente, dado que manterse ca mente relaxada é un punto moi importante para realizar uhna boa tirada.

– Non sei se hai algo que queira engadir ou destacar.

Aproveitamos para darvos as grazas por darnos a oportunidade de dar a coñecer o Club Seurri e para dicirlle a todas persoas que estean interesadas, ben de Sarria ou da contorna, que poden vir probar este deporte con nós sen ningún tipo de custo.

No club temos todo o material necesario así que convidamos a toda a xente que estea interesada, a vir probar sen compromiso. As instalacións están situadas na Rúa Calvo Sotelo. Para máis información non dubiden en poñerse en contacto con nós a través do noso correo electrónico seurri@gmail.com.