Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O motociclismo é unha vía de liberación, enriba da moto estou desfrutando”

Por 30 Outubro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Hoxe coñecemos a figura de Elena López López, unha rapaza de 19 anos natural da vila de Sarria, que participa en competicións de enduro por toda Galicia.

O enduro é unha modalidade deportiva do motociclismo que se practica en campo aberto e tamén cuberto, tamén existe a modalidade de enduro en bicicleta. Trátase dunha carreira tipo rallye, na cal se realizan percorridos por rutas establecidas pola organización nuns tempos prefixados onde a velocidade media pode oscilar entre os 45 e os 55 quilómetros por hora.

As motocicletas de enduro son parecidas ás motos de motocross, aínda que con algunhas diferenzas significativas xa que contan con suspensións máis brandas porque non precisan facer saltos tan altos, a diferenza das de motocross as motos de enduro son vehículos matriculados que cumpren coas normas para circular por vías públicas xa que moitos dos tramos de enlace están abertos á circulación e teñen depósitos de combustible de maior capacidade debido a que os motores traballan a menos revolucións e están algo menos comprimidos. O fai que as motos de enduro sexan por suposto algo máis pesadas que as de motocross.

Son coñecidas en Galicia varias competicións desta modalidade deportiva do motociclismo que teñen lugar ó longo que todo o ano coma a da Peroxa, a de Piñor, a de Ferreira de Pantón, Tui, Rois, Abegondo ou a que se celebra en Salceda no mes de novembro.

Elena López vén de competir na Liga galega de enduro que tivo lugar en Piñor (Ourense) e resultou gañadora da mesma.

Cal foi a súa traxectoria no enduro ao longo destes 19 anos? Fáganos un breve percorrido

Para min sempre foi unha afección, as fins de semana cando podía, saía co meu pai ó monte xa que el tamén fai enduro. Pero non foi ata este mesmo ano, no mes de marzo, cando comecei a a competir na Liga Galega.

Cando foi a primeira vez que colleu unha moto?

A primeira vez que collín unha moto tería sobre 5 ou 6 anos. Tiven varias pero agora mesmo só teño unha, coa que adestro e compito.

Cando e por que decidiu comezar a competir? Faino a nivel galego ou tamén a nivel nacional?

Como dicía, comecei a competir este ano no mes de marzo. A Liga Galega fixo a segunda proba en Ferreira de Pantón, quedábame cerca e decidín ir a competir para saber o que era unha carreira de este tipo. As carreiras sempre enganchan, as compañeiras que xa levan anos competindo axudáronme moito e animáronme a seguir. O ambiente en xeral gustoume moito.

Que competicións gañou ata o de agora? E en cantos premios participou?

Ata o de agora gañei unha carreira da Liga en Piñor e outra proba da Liga de Resistencia en Barbadás. Só participei en probas da Liga Galega.

Competiu na Liga galega de enduro, era a primeira vez? Como foi a experiencia?

Si, era a primeira vez que competía. Foi unha experiencia moi boa. Ía practicamente a cegas, con moitos nervios pero os ánimos das compañeiras e a axuda como xa dixen foron claves. A experiencia foi moi grata, penso que o mundo das carreiras sempre engancha.

Cal é a rutina que segue para os adestramentos? Cantas horas vén dedicando ao día, onde adoita practicar?

Dende o meu punto de vista a condición física é un factor moi importante neste deporte, polo que eu persoalmente intento traballala combinándoa tamén coa parte técnica por suposto. Intento adestrar dúas ou tres veces por semana, na zona alta de Samos, Sarria, no Incio ou ben en Triacastela.

Cal é o seu tramo favorito da zona de Sarria para ir coa moto?

Un dos percorridos que fago habitualmente e que me gusta moito porque é moi completo xa que posúe zonas técnicas moi esixentes pero tamén algunha zona rápida, é o que vai dende Estraxiz (que é o meu pobo) ata Cedrón de Láncara, pasando polo alto da Meda.

Que opina da presenza das mulleres no mundo das motos? Hai moitas compañeiras? Coñece a máis chicas de Sarria que practiquen este deporte?

Con respecto á presenza de mulleres no mundo do motociclismo penso que a situación cada día é mellor e avanza de maneira positiva xa que cada dia somos máis. Aquí en Galicia a Liga da Moto mira moito por isto, están a facer as cousas ben e estase a notar. Na Resistencia de Barbadás eramos 6 chicas en carreira e seguimos sumando, esperamos que cada vez se animen máis. Ata onde eu sei, non hai ningunha rapaza en Sarria que practique este deporte e dende aquí gustaríame animar tanto a nenos como a nenas a que o fagan.

Ten algún referente no mundo do enduro? Alguén que sexa a súa inspiración?

Si, Laia Sanz é a miña referente dende sempre.

Que planes de futuro ten con respecto á practica deste deporte?

Nos meus propósitos de futuro están fundamentalmente seguir traballando, aprendendo e sobre todo mellorando que é o fundamental, gustaríame chegar a competir no Campionato Nacional algún día.

Que lle aporta o motociclismo? Porque recomendaría á xente practicar este deporte?

Para min o motociclismo é unha paixón que está aí dende que teño recordo, é unha vía de liberación, enriba da moto aínda que estea sufrindo calquera situación por fatiga, dificultade… estou desfrutando e iso é algo súper importante. Agora que comecei a competir tamén coñecín a moita xente, fixen moitas amizades boas e quédome con iso.