Skip to main content
Sarria

Sarria organiza en novembro a décima edición da Ruta 4×4

Por 29 Outubro, 2022Outubro 31st, 2022Sin comentarios

O concello de Sarria acolle os días 18, 19 e 20 novembro a décima edición da Ruta 4×4 que contará coa participación duns 300 vehículos e case 500 persoas.

O evento dará comezo o venres 18 cuns pinchos de benvida para tódolos asistentes no restaurante O Chanto ás 21.00 horas, posteriormente ás 22.00 terá lugar unha saída nocturna polos arredores da vila.

Para o sábado está programada a entrega da documentación necesaria para participar na proba e un almorzo no parque do Chanto ás 08.00 horas, a saída da ruta ás 08.30 horas e un xantar que terá lugar no pavillón do Incio (da man do establecemento María e Luís). A fin da ruta está programada para as 19.00 horas e ás 21.30 celebrarase unha cea de gala no Hotel Restaurante Alfonso IX.

O domingo 20 e para clausurar o evento celebrarase un almorzo ás 09.30 horas no parque do Chanto e ás 10.00 horas terán lugar as probas de habilidade no polígono de Morelle. O xantar no restaurante O Chanto será ás 14.00 e ás 16.00 horas entregaranse os trofeos ós participantes.

Falamos con César Beltrán Sampedro, presidente da asociación Os Carro X Catro e un dos principais organizadores deste evento.

Como e porque naceu a celebración desta ruta?

A celebración desta ruta comezou no ano 2007 cando un grupo de catro amigos falamos de realizala. Apetecíanos facer unha ruta porque coñecíamos outras como unha que se celebraba en Foz que era das máis antigas e outra que se viña celebrando aquí en Sarria hai moitos anos. E decidimos xuntarnos, pedir os permisos necesarios e habilitar todo para facela.

Nesta primeira ruta eramos soamente 25 ou 30 persoas, xuntámonos na casa dun amigo e xa comezamos a falar de facer a cousa máis en serio.

E pouco a pouco, ano tras ano fomos medrando e conseguindo que esta ruta cada vez chegue a máis xente.

Vemos que este ano é a décima vez que se celebra… que é o que queren que vexa o público?

O que buscamos principalmente é que a xente desfrute e o pase ben. Que desfrute dos paisaxes que temos ao longo de todo o concello de Sarria, que desfruten da ruta, do circuíto que lles temos preparado… todo isto nunha atmosfera chea de bo ambiente e amizade.

Queremos tamén que nos visite xente de Sarria, xente de fora, que nos coñezan e poidamos compartir experiencias.

Imaxino que se espera unha moi boa acollida? Cantos asistentes aproximadamente houbo os anos anteriores?

Si, a verdade é que este ano esperamos chegar a moita xente.

A última ruta que organizamos foi no ano 2016 e conseguimos chegar a unhas 400 e pico persoas entre coches, quads, motos e buggies.

Despois lamentablemente tivemos que facer un parón no 2016 xa que o tema dos permisos era c1omplicado e por aquel entón non recibíamos moita axuda por parte do concello e logo xa coa covid-19 nin nolo plantexamos. Foi despois cando grazas á colaboración dun amigo e do propio concello decidimos retomalo e organizalo de novo.

Esta ruta que organizaremos en novembro é similar á doutros anos, esperamos chegar arredor das 500 persoas e ter unha participación duns 300 vehículos.

Por que puntos transcorrerá a ruta en 4×4?

A ruta sairá de Sarria con dirección ó Incio, que será onde realicemos a comida.

Pasará por pobos coma Vilasouto, Viduedo, A Pobra do Brollón, logo volveremos cara O Incio onde terá lugar a comida, baixaremos cara o Val do Mao, iremos un pouco cara Samos e terminaremos en Sarria.

En que consistirán as probas de habilidade que terán lugar o domingo no polígono do Morelle e que trofeos se entregarán ós gañadores?

Estas probas terán lugar o domingo día 20 como ben dis. Serán probas de habilidade nas que se competirá nas disciplinas de velocidade e habilidade propiamente dita. Competirán primeiro as motos, despois os coches e logo os todo terreos.

Hai diversas categorías para os coches, nas probas de velocidade deberán percorrer un circuíto paralelo e iranse eliminando entre eles e nos obstáculos competirán segundo o tamaño das rodas.

As motos irán coma os coches en velocidade e terán tamén algún obstáculo pero pequeno.

Este domingo a mediodía faremos unha comida ás 14.00 horas e logo terá lugar a entrega dos trofeos ós gañadores, acto no que participará o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e tamén estarán presentes Javier Arias e outros políticos.

Non sei se quere engadir ou destacar algunha cousa

Si, gustaríame agradecer ao concello toda a colaboración que nos brindamos para que puidésemos recuperar a celebración desta ruta xa que grazas a eles é posible a súa celebración este año.