Skip to main content
Sarria

O BNG de Sarria busca reforzar o servizo de Pediatría no centro de saúde

Por 27 Outubro, 2022Outubro 28th, 2022Sin comentarios

Así o manifesta o grupo político que levará hoxe ó pleno ordinario unha moción coa finalidade de mellorar o servizo de Pediatría no centro de saúde da vila.

O BNG de Sarria, “ante as constantes faltas do servizo de pediatría no centro de saúde de Sarria que se alongan polo menos dende os mes de xuño unímonos ás protestas constantes das familias que levan tempo denunciando a desatención dun servizo tan importante como a atención médica especializada para os nenos e nenas da comarca de Sarria”, manifestan membros do partido.

Dende o BNG de Sarria “levamos anos denunciando o desmantelamento da sanidade pública, que incluso é máis acusado se cabe aínda na atención primaria”.

O portavoz municipal do BNG Efrén Castro Caloto asegura que “a Xunta de Galiza do PP leva anos recortando a Sanidade Pública, cunha clara estratexia para  precarizala  e abrirlles a porta a un suculento negocio aos seus amigos da sanidade privada” a si mesmo tilda de “gravísimas as declaracións da nova xerente do Sergas  Estrella López-Pardo engadindo que “esta señora dinos que o normal vai ser que non haxa pediatras nos centros de saúde, e faino xusto despois de que o PP acabe de regalar co pelotazo fiscal 34 millóns de euros aos 7.000 galegos máis ricos.”

Así mesmo, Castro asegura que “non imos consentir que se normalice a desatención ou desaparición do servizo de pediatría, a esixencia dunha sanidade pública e de calidade non se pode por en cuestión”.

Por todo isto, o BNG de Sarria levará a debate esta mesma tarde unha moción no pleno hoxe que terá lugar ás 19.30 horas para pedir a unidade de todos para “esixir á Xunta de Galiza que cubra a baixas do servizo de pediatría de Sarria, que invista na atención primaria e que deixe de precarizar os postos de traballo dos profesionais da Sanidade”.