Skip to main content
ParadelaTriacastela

A mostra Manuel Rodríguez López 2.0 xa se pode visitar en Triacastela

Por 12 Outubro, 2022Sin comentarios

A inauguración desta exposición tivo lugar na Casa da Cultura de Triacastela, nunha nova edición que versa sobre a vida e obra do escritor Manuel Rodríguez López de Paradela.

Esta vez a mostra caracterízase por posuír un novo deseño gráfico, contidos actualizados e reestruturados, e un acceso inmediato a contidos multimedia adicionais a través de códigos QR.

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por GaliciaDixital, o Colectivo Egeria e a familia do escritor, co apoio do concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega e Endesa. Esta nova exposición foi posta en marcha este ano como parte das celebracións polos 200 anos do concello de Paradela.

No acto de inauguración o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, estivo acompañado por persoal do concello.

A exposición orixinal percorreu dende 2013 máis de 21.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e ás Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Esta nova mostra continuará a súa andaina este ano percorrendo o Camiño Francés dende Pedrafita ata Santiago. Está composta por doce paneis, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.