Skip to main content
SamosTriacastela

O BNG levará ao Parlamento galego iniciativas para reclamar o dano causado polo parque eólico do Oribio

Por 14 Outubro, 2022Outubro 16th, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego impulsará no Parlamento galego iniciativas para reclamar a reparación do dano causado na promoción do parque eólico na Serra do Oribio, no concello de Samos, trala resolución da sentenza do Tribunal Supremo que anula definitivamente a autorización da súa construción.

Cómpre lembrar que a Serra do Oribio forma parte das áreas protexidas no ámbito da Rede Natura 2000. A Xunta en mans do Partido Popular pretendía dar por válida unha declaración de impacto ambiental de hai 14 anos, para permitir que se construíse un parque eólico neste espazo protexido e de enorme valor patrimonial.

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil declarou “felicitamos ao movemento ecoloxista e veciñal pola vitoria xudicial que paraliza de maneira definitiva a construción do parque eólico da Serra do Oribio ”no que destacou “unha sentenza máis que pon en evidencia como o Goberno do PP na Xunta pon por riba do cumprimento da lei os intereses dun puñado de empresas”.

Olalla Rodil fixo fincapé que a sentenza do Supremo supón un punto de inflexión na política eólica da Xunta “debe rematar a política do espolio dos recursos e a depredación do territorio, a Xunta debe garantir a protección do medio e os dereitos da poboación, especialmente da que vive no rural” sinalou a deputada.