Skip to main content
Abadín

Abadín recibe unha axuda para a compra de maquinaria de prevención de lumes

Por 15 Outubro, 2022Outubro 16th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia colabora co Concello de Abadín na adquisición dunha motoniveladora e o acondicionamento de accesos nas parroquias de Candia e Seivane de Vilarente.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, acompañado do alcalde, José María López Rancaño, comprobou a nova maquinaria, que acaba de ser recibida pola entidade local. Arias explicou que ambas actuacións reciben 271.000 euros da Administración autonómica con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) deste ano.

“Este equipamento destinarase á realización de tarefas de prevención de incendios e inundacións en todo o termo de Abadín, que conta cunha extensa rede de camiños e pistas”, apuntou Arias. Subliñou que isto axudará a mellorar a xestión medioambiental no municipio.

Outra das actuacións financiadas nesta convocatoria do FCA será a recuperación de vías locais das parroquias de Candia e Seivane de Vilarente. Ademais de renovar os pavimentos, tamén se acomete a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía.

A través do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta colabora cos concellos galegos na posta en marcha de proxectos destinados a evitar a degradación ambiental, na contratación de persoal e na adquisición de vehículos e maquinaria para a protección do medio ambiente, ademais de mellorar redes de servizos públicos como abastecemento ou saneamento, entre outras.