Skip to main content
Abadín

O PSOE de Abadín entrega 1.100 firmas para reclamar a mellora da atención sanitaria no concello

Por 5 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

O voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz, entregou no rexistro da Xunta en Lugo preto de 1.100 sinaturas coas que reclama á Consellería de Sanidade mellorar de xeito urxente a Atención Primaria no concello de Abadín. “Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva”, din. Ademais, o socialista reclama que se retome a prestación do servizo de pediatría que a Xunta recortou hai tempo.

A agrupación socialista de Abadín iniciou unha campaña de recollida de sinaturas o pasado mes de agosto, coa que percorreron as parroquias do municipio e na que constataron a preocupación e as inquedanzas da veciñanza polo deterioro da Atención Primaria no centro de saúde. Explican tamén que o facultativo que está na consulta ten que distribuír as quendas de traballo para atender a tódolos pacientes que estaban no cupo dos outros dous sanitarios.

“Queremos vivir no rural, e reclamamos unha educación e unha sanidade dignas. O Alcalde e todo o seu goberno non poden facer oídos xordos diante dun problema tan grave coa Atención Primaria no noso concello. Deberían velar polos nosos dereitos e enviarlle un recadiño ao seu Goberno do PP na Xunta para que escoiten á veciñanza de Abadín: Estamos fartos de recortes e desgoberno”, recalcou o voceiro socialista.