Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXAGuitiriz

Parga e Castro de Rei reclaman a recuperación total dos seus centros de saúde

Por 3 Outubro, 2022Outubro 7th, 2022Sin comentarios

Os centros de saúde de Parga e Castro de Rei seguen levantando protestas por parte da veciñanza, que reclama a recuperación total da atención sanitaria en ambos centros de sáude.

O Servizo Galego de Saúde anunciou que o consultorio de Parga retomará mañá martes, día 4 de outubro, “a actividade asistencial, que fora trasladada temporalmente ao centro de saúde de Guitiriz desde o inicio da pandemia”. Así, asegura que o centro de saúde contará con atención médica e de enfermería dous días á semana, martes e xoves, algo que rexeitan desde diferentes colectivos.

Así a Asociación Parganonsedivide esixe á Xerencia do Sergas a reapertura diaria e sen limitacións “tal e como viña presentando o servizo antes da covid-19”. “Non nos conformamos con ter o consultorio aberto martes e xoves cun médico soamente. A enfermidade non traballa a tempo parcial, polo que a atención médica no noso centro de saúde debe estar garantida a diario e sen limitacións, con dous médicos que temos asignados os usuarios de Parga e coa enfermeira tamén todos os días da semana. Non hai ningunha razón pola que manter unha atención parcial cando seguimos a ser o mesmo número de usuarios e usuarias: 1700”, indican dende o colectivo.

Dende a asociación denuncian como incongruente “que teñamos que desprazarnos a Guitiriz en función do día da semana na que te toque a cita médica” e avanzan que “este xeito de traballar é o primeiro paso para o peche definitivo”, conclúen.

Poñen como exemplo a Baamonde “onde tamén acudía o médico un día á semana e agora teñen o consultorio totalmente pechado”. Afirman que “só a mobilización evitou a Parga correr a mesma sorte”.

A plataforma veciñal asegura que continúan coa campaña de recollida de sinaturas para esixir a apertura total e que a Xerencia “os reciba para recabar as explicacións precisas sobre o futuro do consultorio”.

CASTRO DE REI

Pola súa banda, os socialistas de Castro de Rei advirten de que os recortes e a pésima xestión sanitaria do PP levan ao peche dos centros de saúde da provincia, como no caso do centro médico de Castro de Rei que a día de hoxe segue pechado e sen data para a súa reapertura.  

Por iso, dende o PSdeG “esiximos á Xunta a apertura inmediata deste centro de saúde”, xa que lembran que pechou as súas portas coa desculpa da pandemia e trasladouse a atención médica e ambulatoria ao Centro médico de Castro Ribeiras de Lea. Actualmente, no centro de Castro de Rei só hai servicio de enfermeira dous días á semana (cun horario de 8:00-11:00), “e sospeitamos que a Xerencia poida estar contemplando o peche definitivo do consultorio derivando a atención médica ao Centro de Castro Ribeiras de Lea”. Onde ademais tamén son frecuentes a falla de médicos neste consultorio.

Advirten de que “o peche prexudicaría a centos de veciños de Castro de Rei e da súa contorna, que terían que desprazarse a Castro Riberas de Lea para recibir a atención médica que precisan, o que suporía outra perda importante no escaso comercio que hai en Castro de Rei”. 

Os socialistas lembran que tanto dende o Grupo Municipal Socialista de Castro de Rei, como dende o Parlamento ou na Deputación de Lugo, “defendemos iniciativas para demandar insistentemente a reapertura deste centro médico”. “Ademais, organizamos un acto de protesta, acompañados dos veciños e veciñas, diante do centro médico para amosar a nosa preocupación polo peche e demandando uns servizos sanitarios dignos na provincia”, din dende o PSdeG.

O Goberno do PP pechou os centros de saúde na nosa provincia: en Castro, en Carballedo, o de Parga, en Guitiriz, onde acaban de anunciar a súa reapertura, pero só con consulta dúas veces á semana, e o de Castro de Rei, como xa denunciamos os socialistas. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, denunciou recentemente que o 80% dos concellos da provincia sofre a día de hoxe graves carencias de persoal en Atención Primaria e Pediatría, “unha situación moi preocupante producida porque a Xunta non cubre nin as vacacións, nin as baixas, nin as xubilacións”.