Skip to main content
Cospeito

Os socialistas votan a favor da expropiación da Torre de Caldaloba e presentan unha serie de preguntas

Por 9 Outubro, 2022Outubro 10th, 2022Sin comentarios

No Pleno de Cospeito tratouse novamente a expropiación da Torre de Caldaloba e a situación na que se atopa o proceso. Segundo avanzan os socialistas, a expropiación debe seguir o seu curso para poder facerse cargo deste ben e actuar para conservalo. Así mesmo asegurou que a Deputación aprobou o proceso de compra da outra metade pero aínda non foi efectiva esta operación porque necesitaba pedir permiso á Xunta, “aprobouse o proceso de compra pero non a compra en si”, subliñou Rosa Morán. “Consideramos de todos os xeitos que o que compre ten que coller todo para facer un traballo conxunto e que poda ter un futuro”, indicaron.

Por outra banda, o grupo municipal socialista volveu levar a Pleno unha listaxe de preguntas encabezadas unha vez máis pola situación na que se atopa o PXOM. Non hai avances sobre esta cuestión xa que a nova empresa adxuditaria anunciara hai un tempo que a situación estaba máis atrasada do previsto, polo tanto quedou parado de novo.

“O PXOM volve estar parado e ten aspecto de alargarse moito máis pola incompetencia que demostraron ao non ter feito as cousas ben desde os inicios”, afirmou Rosa Morán, voceira socialista, que pediu que se resolva canto antes a actual situación de parálise.

O SAF volveu tamén ao pleno. Os socialistas preguntaron polo acordo tomado na anterior sesión na que se instaba á Xunta a axustar as remuneracións do persoal ao convenio, un trámite burocrático está en marcha pero non completado.

Así mesmo, reclamaron que se preste o servizo de podoloxía tal e como demandan os usuarios do SAF. O Concello afirmou que xa atopou a empresa que se encargará desta xestión a partir de agora.

A preguntas dos socialistas, o Concello informou que os locais municipais onde se xuntaban os maiores na Feira do Monte e en Muimenta abrirán despois de San Froilán.

Do mesmo xeito, as persoas que desexen acceder aos pavillóns deberán solicitar as chaves no Concello.

O alcalde afirmou no Pleno que xa están rematadas as obras dos vestiarios do campo da Fonte e que xa se fixo o asfaltado do barrio da Algara en Vilapene. Tamén dixo que o bus seguirá sendo gratuíto para os rapaces das escolas deportivas. O que está aínda parada, é a execución da axuda á Lagoa de Cospeito, que se fará cando o tempo e o apareamento das aves así o permitan.

A última pregunta dos socialistas dirixiuse á situación de varios veciños que tiñan feita en 2019 unha presolicitude de autorización de acometida á rede xeral de abastecemento de auga. O alcalde informou que estes deberán facer unha nova solicitude e que deberán pagar unhas taxas con 60 euros polo entronque e outros 60 de fianza.

O PSOE fixo un rogo para que o Concello repare as ventás do piso superior da Escola de Cospeito.