Skip to main content
Guitiriz

A Deputación licita as obras da residencia de maiores de Guitiriz por 2 millóns de euros

Por 29 Outubro, 2022Outubro 30th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou a contratación das obras coa previsión de que sexan adxudicadas neste ano, cumprindo co compromiso adquirido polo presidente.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras para construír o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz, cun orzamento de preto de 2 millóns de euros, coa previsión de que queden adxudicadas antes de final de ano. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, “cumpre así co compromiso que avanzou durante o acto no que asinou coa Alcaldesa de Guitiriz o convenio de colaboración para a construción da residencia”.

O orzamento sube un 30%, uns 450.000 euros máis, con respecto ó anterior proxecto, “un incremento importante que asume integramente a Deputación de Lugo”, destacou o deputado, quen lembrou que a institución tivo que reiniciar o proceso “practicamente de cero”, despois de que un temporal provocara o colapso da Casa da Botica, o edificio no que estaba previsto albergar gran parte das instalacións.

Neste sentido, Rivera Capón sinalou que foi necesario resolver o contrato coa empresa adxudicataria das obras; redactar o novo proxecto cuxa licitación aprobou hoxe a Xunta de Goberno, que tivo que validar o servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; e aprobar e firmar un novo convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello. “Foi un traballo arduo, que fixemos nun tempo creo que bastante razonable, e que demostra o compromiso absoluto que temos na Deputación co Concello e cos veciños e veciñas de Guitiriz para construír a tan ansiada residencia”, destacou.

Este proxecto “permitirá a construción dunhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos”, explicou Pablo Rivera, quen engadiu que se respectan os elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, que quedarán integrados no novo edificio.