Skip to main content
As Pontes

As Pontes celebrará esta fin de semana a Feira do Mel e do Queixo

Por 7 Outubro, 2022Outubro 8th, 2022Sin comentarios

A parroquia pontesa de Goente acollerá a próxima fin de semana unha nova edición da Feira do Mel e o Queixo, unha proposta que ten como obxectivo poñer en valor dous dos produtos esenciais da gastronomía do municipio.

A cita, organizada polo Concello das Pontes, en colaboración coa Casa do Mel de Goente, Queixerías do Eume e Gandeiría Roidiz, nesta ocasión, en palabras da concelleira de Turismo, Elena López “ busca difundir e potenciar produtos agroalimentarios diferenciados, fomentar o consumo dos produtos locais, crear un espazo de debate sobre o sector no que analizar as novas tendencias do mercado e ofrecer un fluxo de información bidireccional entre persoas produtoras e consumidoras”

A feira preséntase ademais como unha oportunidade para que as persoas visitantes poidan apoiar, de forma directa, a un sector económico que comporta importantes oportunidades de desenvolvemento para o medio rural.

A cita que ten como finalidade promocionar e exaltar os produtos da gastronomía pontesa así como dinamizar ou sector primario, comezará, o sábado, 8 de outubro, cunhas xornadas técnicas nas que, segundo Elena López, “quérese, coa axuda das persoas profesionais do sector, achegar ás persoas asistentes as novas realidades no sector produtivo e no ámbito do consumo sostible e responsable”

Así, ás 10:00 horas, Benigno Balseiro, charlará sobre a adaptación ao cambio climático e selección na apicultura, a continuación, ás 11:30 horas, Jaume Cambra falará sobre as oportunidades e retos aos que se enfronta a apicultura ecolóxica e xa pola tarde, ás 17:00 horas celebrarase unha mesa redonda, moderada por Teresa Molina, da Gandería Roidiz sobre a procedencia do leite que chega ás persoas consumidoras.

O domingo, ás 10:00 horas, comezará a xornada coa apertura dos postos de mel e queixo de produtores locais e chegados desde diferentes puntos da xeografía galega así como dos postos de artesanía e alimentación.

A partir das 12:00 horas celebraranse dous talleres, un de elaboración de pans con queixo do Eume e hidromel e outro plantas para coidar ás abellas, que terán continuidade a partir das 16:00 horas ata as 18:00 horas.

Ás 12:30 horas comezará unha mostra de xantares da man do cociñeiro Antonio Díaz, unha proposta a través da que o Concello das Pontes quere poñer en valor a calidade, a versatilidade e as potencialidades do queixo e o mel local, por medio de diferentes degustacións. Asemade, a partir das 13:00 horas habilitarase un servizo de comidas para o público asistente a través dunha pulpería.

Xa ás 16:30 horas, unha discomobil e un espectáculo de zancudos e pompas amenizarán a tarde para dar paso ás 18:00 horas á presentación da Asociación Apícola Infantil da Casa do Mel de Goente “ApiEume, soños do panal”. A continuación, ás 18:30 horas haberá un espectáculo de circo, teatro e malabares.
Nesta homenaxe aos produtos ponteses, o público asistente que merque algún producto nos postos instalados na feira participará en sorteos, que se farán ao longo de toda a xornada, de múltiples agasallos.