Skip to main content
As Pontes

As Pontes estrea un grupo de natación para menores

Por 11 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes, a través do servizo de Atención Temperá e en colaboración coa nova empresa concesionaria do servizo da piscina municipal, puxo en marcha, a pasada fin de semana, un grupo de actividade física adaptada dirixido a nenos e nenas, entre un e seis anos, con alteracións no desenvolvemento madurativo.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social, apunta que “a actividade física pode axudar aos nenos e nenas con alteracións no desenvolvemento a medrar física, social e emocionalmente. Cando combinamos estes elementos co medio acuático obtemos unha mistura perfecta e así, a actividade física acuática preséntase como un deporte moi completo no que se ven implicados os sistemas motor e psicomotor, ofrecendo ás familias pontesas a posibilidade de que os seus fillos e fillas poidan desenvolver unha actividade deportiva sen barreiras”.

As clases, nas que participan nove menores, impártense todos os sábados, en horario de mañá, en dúas quendas de media hora, e teñen como obxectivo traballar a autonomía e o desenvolvemento físico, psíquico e social dos e das menores.

O ensino céntrase nas capacidades, habilidades e ferramentas de cada un dos nenos e nenas participantes, deixando atrás as súas limitacións para favorecer a adquisición de destrezas e capacidades motoras, promover as relacións sociais, a comunicación e a integración, fomentando, ao mesmo tempo, os valores asociados á practica deportiva.

Tania Pardo destaca que “esta nova actividade deportiva busca crear vivencias emocionais e cognitivas, desenvolver a coordinación, a axilidade e o equilibrio ademais de educar o esquema corporal e potenciar o control do corpo no medio acuático, nun ambiente lúdico que ofrece a posibilidade de reafirmar e potenciar os vínculos sociais”.