Skip to main content
As Pontes

As Pontes licita a IV fase das obras de mellora da Avenida Galicia

Por 15 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes sacou a licitación a cuarta fase das obras de mellora de pavimentos e servizos da Avenida de Galicia.

Esta actuación, cun orzamento de 233.904,23€ e financiada integramente pola Deputación de A Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos), permitirá darlle continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade levado a cabo polo goberno local na principal vía de comunicación do municipio, a través da renovación da Praza do Hospital e as obras das tres fases anteriores executadas na Avenida de Galicia.

Os traballos incluídos neste proxecto permitirán a eliminación de desnivel entre a estrada e as beirarrúas peonís, a mellora da iluminación e a separación da rede de drenaxe da rede de saneamento.

Así, procederase ao retranqueo dos farois existentes e das sinais de tráfico, substituiranse as varandas existende por unha varanda de aceiro inoxidable. Será necesario fresar e demoler o firme existente para poder estender o novo pavimento que, no caso da zona de rodadura e aparcamentos realizarase mediante formigón bituminoso cun acabado impreso con debuxo de lastro e protexido cunha capa de resinas.

A beirarrúa peonil realizarase con baldosa prefabricada, seguindo a liña estrutural e estética da zona. Entre a baldosa e o aglomerado disporase unha fila de lastro de cor negra, prefabricado de formigón. Nos accesos aos pasos peonís e no acceso á rampla executaranse pavimentos con baldosa de botóns para diferenciar o pavimento e alertar ás persoas con discapacidade visual.

Por outra banda, no caso da rede de drenaxe, executarase unha canalización para recoller a auga pluvial e separala da canalización de fecais para o que será preciso executar dous tramos de colectores de pluviais e sumidoiros que se conectarán mediante pozos de rexistro.

En canto á instalación da iluminación pública inclúese a execución de arquetas, a canalización eléctrica, a tiraxe de cable eléctrico e a recolocación ao tresbolillo dos farois existentes. Así mesmo, no paso peonil instalaranse 3 captafaros LED por cada sentido de circulación e sinais de paso luminosas.

As obras rematarán coa instalación de papeleiras, xardineiras, bancos, alcorques para as árbores existentes así como a reposición da sinalización, tanto vertical como horizontal.