Skip to main content
As Pontes

As Pontes inicia a creación dunha rede pola igualdade

Por 5 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

As Pontes iniciou a semana pasada a creación dunha Rede pola Igualdade, cun primeiro encontro dos axentes sociais implicados.

Trátase dun espazo de reflexión e participación cidadá, e de formulación de ideas, composto por entidades asociativas e que vén a dar resposta ás necesidades detectadas en diferentes iniciativas de debate e formación desenvolvidas con anterioridade.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, destacou que “estamos ante un paso de enorme relevancia para tecer esta unha rede pontesa pola igualdade, pero non é o primeiro, pois o Concello das Pontes vén impulsando dende hai anos diferentes accións que teñen por finalidade fortalecer ao tecido asociativo en materia de igualdade”.

Neste senso, e de maneira especial, na avaliación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de Xénero realizada no ano 2020, na que se analizou a andadura deste órgano durante case unha década, detectouse a necesidade de impulsar a colaboración e cooperación entre as entidades asociativas para contribuíren á promoción da igualdade.

Así mesmo, a través de entrevistas e xuntanzas con múltiples asociacións, percibiuse unha alta predisposición das mesmas a unha maior cooperación entre elas e co Concello. É por iso que dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade “se entendeu necesario comezar a darlle forma a un espazo no que as entidades asociativas poidan poñer en común as súas accións coa finalidade de favorecer a colaboración entre elas”, destacou Tania Pardo.

Con ese motivo, tivo lugar este encontro de presentación da Rede, ao cal asistiu un total de 21 persoas en representación de 15 asociacións, así como persoal municipal da Área de Benestar Social e do Centro de Información ás Mulleres.

A composición deste primeiro encontro serviu para constituír o grupo motor ou impulsor da Rede, e caracterizouse por unha ampla diversidade, contando con entidades do ámbito da educación, da igualdade, do voluntariado, en prol do desenvolvemento rural, vinculadas á inclusión social ou de promoción do emprendemento e iniciativa empresarial, entre outras.

No encontro concluíuse principalmente a necesidade de impulsar un espazo de participación cidadá na liña do presentado, así como se identificou unha alta disposición das entidades a implicarse na Rede. Tania Pardo puxo en valor este interese en colaborar, así como amosou o agradecemento en nome do Concello pola resposta ofrecida polo tecido asociativo.

Así mesmo, destacou que “este espazo está chamado aportar múltiples oportunidades, máis aló do fomento da colaboración, como poden ser a promoción da formación e concienciación cidadá en materia de igualdade ou o desenvolvemento de actividades de diversa índole”.

Proximamente daranse novos pasos para a consolidación deste espazo a través de novos encontros nos que se determinen as liñas de actuación ás que contribuír, e se vaian perfilando iniciativas e actividades a desenvolver.