Skip to main content
As Pontes

A ministra Maroto louba os proxectos que se desenvolven nas Pontes no proceso de transición

Por 22 Outubro, 2022Sin comentarios

A Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, visitou onte, acompañada do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o Concello das Pontes.

O alcalde, Valentín González Formoso, que exerceu como anfitrión, agradeceu o esforzo da Ministra para facer un oco na súa axenda e achegarse ata o municipio, destacando que se trata dunha visita moi importante para unha localidade que se atopa en proceso de transición “nun momento no que despois de moito esforzo, cunha forte mentalidade industrial, atesourada ao longo de 50 anos, temos a vontade de seguir sendo unha referencia no ámbito da industria pesada”.

“Somos o principal complexo eléctrico do Estado a día de hoxe, somos capaces de xerar enerxías con tecnoloxías moi variadas e cunha mentalidade industrial que é preciso preservar e que fai que os proxectos industriais teñan o respaldo da sociedade. Que hoxe poidamos estar falando de proxectos tan importantes como unha planta de hidróxeno, unha fábrica de papel tisú ou unha fábrica de pneumáticos de última xeración é ilusionante”, engadiu o rexedor local.

González Formoso lembrou que son proxectos que nalgúns caso van precisar de autorizacións do Estado, en todos os casos de autorizacións autonómicas, en algún reforzo económico por parte do Estado e en todos reforzo económico autonómico así como a implicación municipal. “Esa mistura vaise dar e, probablemente, gocemos dunha inversión de 1.300 millóns de euros nos próximos anos, que xunto con Navantia, farán que esta comarca rexurda outra vez como o que foi e como o que non quere deixar de ser: un polo industrial de referencia en Galicia”, concluíu o alcalde.

Pola súa banda, a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, resaltou que “a comarca está sufrindo unha transición e ten que ver o futuro con optimismo e para iso son precisos enclaves, proxectos e é necesario establecer prioridades para poder financiar os proxectos que hoxe están sobre a mesa e que representan o futuro da comarca”