Skip to main content
As PontesCervo

As Pontes e Cervo están entre os cinco municipios con maior renda de Galicia

Por 30 Outubro, 2022Outubro 31st, 2022Sin comentarios

Os municipios de Oleiros, As Pontes e Santiago de Compostela foron en 2020 os que contaban coas maiores riquezas per cápita de Galicia, segundo se explica no Atlas de Distribución de Renda dos Fogares que publicou este mes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, Oleiros continúa como concello galego coa maior renda neta por habitante, cunha media de 16.403,37 euros. Séguenlle As Pontes, con 15.482,06 euros per cápita, e Santiago, con 14.648,64 euros cada veciño.

Despois deses tres, entre os cinco municipios cunha maior riqueza media están tamén a cidade da Coruña (14.590,68 euros por persoa), o concello lucense de Cervo (14.286,51) e o coruñés de Bergondo (13.751,65).

No lado oposto, con 7.565,33 euros por veciño, Avión (Ourense) colócase como o de menor renda neta media. Tamén están no extremo baixo da táboa Beariz (Ourense), con 9.062,06 euros per cápita; A Lama (Pontevedra) con 9.152,43; Fisterra (A Coruña) con 9.224,49; e Boborás (Ourense), con 9.299,69 euros por veciño.

Así mesmo, de acordo con as cifras do INE correspondentes ao 2020, ano marcado pola pandemia e o confinamento de primavera, a gran maioría dos municipios de Galicia –o 70,6%– sitúase por baixo da media nacional en canto a renda per cápita, mentres que o 29,4% restante está por encima, é dicir, entre os de renda media-alta ou renda alta.

Por cidades e provincias

Se se comparan os datos das sete cidades galegas, despois de Santiago e A Coruña, a terceira urbe máis rica é Vigo con 13.163,68 euros anuais. A cuarta é Ferrol (13.115,96) e a quinta, Pontevedra (13.047,27). As dúas cidades galegas coa renda neta máis baixa en 2020 foron as capitais das provincias interiores: Ourense (13.036,53 euros) e Lugo (12.992,30).

En canto aos datos por provincia, a da Coruña conta cunha riqueza media de 12.841 euros de ingresos ao ano por habitante, de modo que é a única galega que se sitúa na metade alta de todas as provincias españolas. Na outra metade, aínda que moi próximas á media, están as de Lugo (12.021), Ourense (11.937) e Pontevedra (11.881).

Total España

Pozuelo de Alarcón (Madrid) foi en 2020 o municipio español con máis de 2.000 habitantes con maior renda media anual por persoa, un total de 26.009 euros, mentres que o municipio sevillano do Palmar de Troia presentou a cifra máis baixa, con 6.785 euros, segundo os mesmos datos do INE.

Matadepera, en Barcelona, é o segundo municipio máis rico, cunha renda media anual por habitante de 22.806 euros, seguido de Boadilla del Monte (Madrid), con 22.224 euros, e doutros dous municipios barceloneses, os de Sant Just Desvern e Sant Cugat del Vallés, con rendas medias anuais superiores aos 21.300 euros por habitante.

No lado contrario, os cinco municipios con máis de 2.000 habitantes que presentaban en 2020 as menores cifras de renda media anual por habitante sitúanse todos en Andalucía: O Palmar de Troia, en Sevilla (6.785 euros); Iralloz e Albuñol, ambos en Granada, con 7.036 e 7.061 euros, respectivamente; Huesa, en Xaén, con 7.080 euros, e Pruna, en Sevilla, con 7.219 euros.

Por localización xeográfica, os datos de 2020 publicados polo INE relevan que o 88,8% dos municipios de País Vasco atópanse entre o 25% dos de maior renda de España, por encima dos 13.637 euros, seguidos de Cataluña, co 49,1%.

No outro extremo figura Andalucía, onde o 83,3% dos seus municipios sitúanse entre o 25% con menor renda, por baixo dos 10.393 euros, seguida de Estremadura, cun 83%.