Skip to main content
Vilalba

O Goberno investirá uns 842.000 euros na rehabilitación do parador

Por 7 Outubro, 2022Outubro 8th, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor hoxe os máis de 2,1 millóns de euros que o Executivo Central inviste para actuacións de mellora nos Paradores de Vilalba e Monforte de Lemos. Estes traballos encádranse dentro do Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico, liderado pola Secretaría de Estado de Turismo, para levar a cabo traballos de conservación e rehabilitación nestes dous paradores, declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Dito orzamento procede do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos Next Generation da UE, e ten como finalidade a rehabilitación, mantemento e embelecemento do patrimonio histórico da rede de Paradores de Turismo.

Isabel Rodríguez, acompañada da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e do director do Parador, Antonio Graña, destacou a forte aposta inversora do Goberno para este programa que ten como obxectivos potenciar a conservación do patrimonio histórico de uso turístico e poñelo en valor para dinamizar a economía e fortalecer estes destinos. “O Goberno demostra con feitos e non con palabras o compromiso con Lugo, estes novos investimentos permitirán conservar e potenciar o rico e abundante patrimonio que ofrece a nosa provincia”, engadiu a subdelegada.

Durante o encontro, Isabel Rodríguez detallou as principais actuacións que se levarán a cabo no parador de Vilalba cun orzamento de 841.424,50 euros. Concretamente, serán traballos de rehabilitación e conservación da torre, así como melloras e renovación do alumeado da torre e do almenado con criterios de eficacia e eficiencia enerxética. “Pretendemos mellorar e embelecer, máis se cabe, esta torre da época medieval cargada de historia, que é un potente reclamo turístico, cultural e gastronómico, pois por aquí transcorre o Camiño Norte de Santiago, ofrecendo experiencias únicas aos visitantes”, engadiu a subdelegada.

Neste senso, a subdelegada do Goberno destacou que estas actuacións son unha oportunidade única para preservar o Patrimonio Histórico co que contan estes Paradores da provincia, poñendo en valor estas áreas, e mellorar e diversificar a oferta cultural e as motivacións para futuros viaxeiros.