Skip to main content
Vilalba

O Consello Consultivo apoia a decisión do Concello de Vilalba de rescindir o contrato a Asfagal

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba xa recibiu o ditame do Consello Consultivo de Galicia no que “informa favorablemente” da decisión do grupo de goberno municipal de rescindir o contrato coa empresa Asfalgal Técnicas Viarias, encargada da renovación de varios viais nas parroquias da vila, por graves incumprimentos na realización dos traballos.

O concello viuse na obriga de suspender o contrato e, tras as alegacións presentadas pola empresa, tomou a decisión de levar o tema ao Consello Consultivo de Galicia.

No seu ditame, o Consultivo avala que a decisión do concello “conta cos preceptivos informes da Secretaría e a Intervención municipal”, e apunta que “o abandono unilateral da execución da obra constitúe un claro incumprimento” por parte da empresa.

Ademais, a declaración de incumprimento culpable por parte do contratista leva consigo a incautación da garantía (neste caso 6.000 euros) e a obriga de indemnizar posibles danos e perdas se exceden desa cantidade.

O grupo de goberno de Vilalba non entende como outras administracións non advertiron previamente da actuación desta empresa, e pretende ademais que non teña opción de optar a novas adxudicacións a través das plataformas de contratación públicas.

En concreto, as obras afectadas eran para o mantemento de varios camiños na parroquia de Alba e outras actuacións para a mellora dos accesos a núcleos de Corvelle, Goiriz, Román, Codesido, Carballido e A Costa. En total, un investimento de 230.000 euros nas pistas.

A decisión do concello tomouse para axilizar unha nova adxudicación, que se realizará no menor prazo de tempo posible.